O PSdeG pide "explicacións clarísimas" á Xunta sobre a concesión de ambulancias ante os "relevantes datos"

Publicado: jueves, 2 febrero 2017 18:09

SANTIAGO DE COMPOSTELA 2 Feb. (EUROPA PRESS) -

O PSdeG considera "necesario dar explicacións clarísimas" por parte da Xunta sobre a adxudicación realizada pola Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dependente do Sergas, sobre o transporte urxente sanitario que se iniciou en novembro de 2014 e cuxo montante de adxudicación ascendeu a 121,6 millóns.

"Cremos que é necesario dar explicacións clarísimas. Hai unha responsabilidade política", manifestou, en declaracións a Europa Press, o portavoz sanitario do Grupo Socialista, Julio Torrado, quen apuntou que da documentación xudicial despréndense "acusacións moi serias" e achéganse "probas moi concretas, datos moi relevantes, que non poden quedar nunha esfera xudicial".

Torrado lembrou que xa na anterior lexislatura o PSdeG advertira " do escurantismo ao redor deses concursos" e observou que agora "o que se están coñecendo son probas concretas".

O Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago investiga se puido haber prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias na adxudicación do mencionado concurso.

Segundo a documentación xudicial á que tivo acceso Europa Press, no marco da causa declarou en calidade de investigado o técnico responsable de transporte do 061, M.A.M., quen actuou como evaluador dos vehículos durante o proceso.

"QUE ALGUÉN DEA EXPLICACIÓNS"

O deputado socialista, no entanto, lamentou que a Consellería de Sanidade "está a destacar por dar moi poucas explicacións ao que ocorre" e manifestou que espera que "alguén dea explicacións, máis aló de que se lle arrinquen respostas ao presidente" da Xunta.

Así, avanzou que prevé rexistrar novas iniciativas para preguntar pola situación, aínda que lle gustaría que motu proprio fose a Consellería de Sanidade a que explicase a situación. "Lamentablemente, non somos optimistas", indicou.

Julio Torrado indicou que "a primeira responsabilidade política é dar explicacións" e incidiu en que o sector "non pode quedar á espera do que diga o responsable xudicial".

Leer más acerca de: