SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Dic. (EUROPA PRESS) -
A voceiro de Ordenación Territorial e Urbanismo do Grupo Parlamentario Socialista, Mar Barcón, pediu este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "recapacite" na súa política de ordenación territorial e aproveite as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) para "recuperar a protección do patrimonio natural" e "poñer fin a unha dinámica de ataques desmedidos ao territorio".
A través dun comunicado, a deputada saíu así ao paso da aprobación provisional das DOT por parte do Consello da Xunta, que, ao seu xuízo, deben constituirse a través da participación das institucións e as organizacións políticas e sociais de Galicia co fin de crear "un marco coherente e sostible" para as estratexias territoriais da comunidade.
Convencida de que este documento debe ser difundido para que se "enriqueza" coas achegas de todos os colectivos, a socialista lamentou non coñecer o texto. "Pode estar cheo de boas intencións, pero a experiencia destes 20 meses de goberno en política territorial é demoledora", sostivo, consciente de que o PP "apostou sempre por diminuír a protección do territorio e favorecer os movementos especulativos".
Para reforzar esta acusación, recordou que a actual Xunta está a "impulsar un convenio para legalizar tropelías como as do concello lucense de Barreiros" a través dunha "amnistía xeral" e que, a través da Lei de acompañamento dos presupostos, busca "rebaixar a protección do chan rústico de xeito inxustificable". "Este Goberno non ten moito crédito ao presentar este documento", sentenciou Barcón.