O PSdeG reclama "un novo modelo de xestión" como vía para "reverter o colapso" da atención primaria no Sergas

O deputado do PSdeG  Julio Torrado
PSDEG
Publicado: martes, 31 mayo 2022 14:17

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

   O PSdeG reclamou á Xunta que elabore "un novo modelo de xestión" para a atención primaria que permita "reverter o colpaso" que, segundo os socialistas, atravesa este chanzo asistencial do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

   O portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, incidiu este martes na necesidade de que o Executivo autonómico poña sobre a mesa medidas que sirvan para "repor profesionais" na sanidade galega e acabar con "a precarización" dos traballadores.

   Segundo recolle un comunicado, o parlamentario asegurou que "a incapacidade" e "falta de planificación" dos gobernos do Partido Popular na Xunta durante a última década provocou que Galicia non fose capaz de "cubrir todas as as prazas de persoal en atención primaria".

   "Existe un deixamento por parte da Xunta con respecto á Atención Primaria e os profesionais médicos atópanse abandonados e saturados", aseverou Torrado, que lamentou que o Sergas perdese "prestixio" debido a que a Xunta "non atendeu as súas necesidades".

    "Poderiamos ter máis fisioterapeutas no sistema, pero estivemos sete anos sen que se convocasen prazas en Galicia; e as enfermeiras poderían ter máis capacidade para facer outros labores, pero Galicia foi a penúltima comunidade autónoma en habilitar os decretos estatais para darlles máis capacidade", incidiu o deputado.

   Como vía para atallar a situación denunciada, os socialistas reclaman a posta en marcha dun modelo "multidisciplinar" na atención primaria, que, a xuízo de Torrado, ten na actualidade un sistema "excesivamente centrado no persoal médico", profesionais que "perden boa parte do seu tempo de consulta en facer labores burocráticas ou cuestións que non lle competen especificamente".

   Neste sentido, insta á Xunta a incorporar nos centros de saúde máis categorías profesionais para que os facultativos poidan "liberarse" de facer tarefas que poden levar a cabo "administrativos formados", categoría que pide reforzar xunto a enfermeiras, matronas, fisioterapeutas ou profesionais de saúde mental.