PSdeG ve a elección de Francisco Rodríguez para Ourense o "primeiro acto de reparación" pola súa "persecución" xudicial

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, durante a rolda de prensa.
PSDEG
Publicado: sábado, 19 noviembre 2022 15:17

Lage tacha de "impresentable" a Pilar de Lara e cre que "merecía a pena" suspender as primarias para contar co "mellor candidato"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Nov. (EUROPA PRESS) -

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, aplaudiu este sábado a elección de Francisco Rodríguez como candidato socialista á alcaldía de Ourense, unha decisión que, dixo, convértese no "primeiro acto de reparación" para o que foi "o mellor alcalde" desta cidade tras a "persecución impresentable" que sufriu a nivel xudicial.

Así, defendeu a "medida excepcional" tomada polo partido de suspender o proceso de primarias convocado para elixir cabeza de lista para as próximas municipais, alegando que a cidade "pedía a voces" que "convencesen" a Francisco Rodríguez de presentarse aos comicios, despois de que fosen arquivadas as causas derivadas da Pokémon nas que se lle investigaba e que o obrigaron a renunciar ao cargo en 2012. "A ocasión merecía a pena", dixo Lage.

En todo caso, o secretario de Organización dos socialistas galegos quixo agradecer a súa implicación a "os compañeiros de Ourense que, lexitimamente, podían aspirar a ser candidatos" e agradeceulles a súa "xenerosidade" para "facer posible" que Francisco Rodríguez sexa a cabeza de lista.

SOMETIDO A "UNHA GRAVE INXUSTIZA"

Entre os motivos que levaron aos socialistas a apostar por Francisco Rodríguez, dixo José Manuel Lage, está o feito de que foi "sometido a unha grave inxustiza" e a unha "persecución impresentable" como resultado da investigación da Operación Pokémon.

"Esta inxustiza debe de ser reparada e este é o primeiro acto de reparación, en liña co sentir da cidade de Ourense", dixo o secretario de Organización, que cualificou a Rodríguez como unha "persona digna, que foi sometida á arbitrariedade, á persecución e á inxustiza".

Con iso, os socialistas buscan mandar unha mensaxe "ao conxunto da sociedade" de que "non se pode consentir que ninguén actúe" como ocorreu neste caso e no de "outros compañeiros do PSdeG", entre os que mencionou ao exalcalde de Lugo Xosé López Orozco, cuxas causas tamén foron arquivadas.

"A ningún xuíz pódeselle permitir que actúe como actuou a xuíza Pilar de Lara por moi xuíz que sexa. A actuación desa señora foi absolutamente impresentable", cargou Lage, que acusou á maxistrada de "manchar" e "apartar da vida pública" a "persoas honorables" como Francisco Rodríguez, "sementando sospeitas e sen achegar nin unha soa proba".

Unha década despois de que o que fose rexedor ourensán se vise obrigado a dimitir, lembrou José Manuel Lage, "non se puideron demostrar nin unha soa das actuacións que pesaban sobre el" e sobre outros alcaldes socialistas, como Xosé López Orozco, algo que, considerou "merece reparación".

O MELLOR CANDIDATO

A maiores, Lage asegurou que Francisco Rodríguez é "o mellor candidato" que poden presentar os socialistas á alcaldía de Ourense, dado que "foi o mellor alcalde" da cidade "nos últimos 20 anos" e é "toda unha referencia para a xente progresista de Ourense".

"Como dirección galega do partido, apostamos por Francisco Rodríguez porque entendemos que era a mellor resposta á permanente demanda de todos os sectores económicos e sociais da cidade", destacou o secretario de Organización, que agradeceu a Rodríguez "a súa xenerosidade" e o seu "esforzo" por "pór, unha vez máis, por diante os intereses colectivos da súa cidade fronte á cómoda posición persoal que tiña neste momento".

CONFECCIÓN DE CANDIDATURAS

O PSdeG abriu este sábado o proceso para confeccionar as candidaturas ás alcaldías galegas para as eleccións municipais do próximo mes de maio, un proceso que terminará o 25 de marzo.

José Manuel Lage explicou que a dirección do partido está "envorcada en presentar as mellores candidaturas posibles" e aspira a gobernar "a máis da metade da poboación galega".

"Somos un partido central en Galicia e somos o partido político que mellor xestiona os concellos galegos, como vén observando convocatoria após convocatoria", dixo Lage, que cifrou en 10.000 as persoas que participarán neste proceso.

Leer más acerca de: