PSOE e BNG critican a un Feijóo "ausente" e "instalado na propaganda" e o PP defende o seu traballo ante a crise

Feijóo, antes da rolda de prensa do Consello.
DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Publicado: lunes, 28 marzo 2022 14:12

Socialistas censuran que o presidente utilice a Xunta para chegar a Madrid e os populares responden que Formoso ocupa cargo institucional

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Mar. (EUROPA PRESS) -

   A oposición criticou este luns que Alberto Núñez Feijóo se atop "absolutamente ausente" das súas funcións como presidente da Xunta de Galicia e que está "instalado na propaganda e no fume, no canto de dar solucións aos problemas dos galegos". Mentres, o PP defendeu que o dirixente popular ten o "máximo interese" en sacar adiante a crise.

   O portavoz do PSdeG no Parlamento, Luís Álvarez, censurou que a menos dunha semana de que Nuñéz Feijóo asuma as rendas do PP nacional no congreso de Sevilla, se atope "absolutamente ausente" e que renunciase ao seu papel de presidente da Xunta nun goberno que "se pon de perfil" ante "unha das peores situacións na historia da autonomía".

   Por iso, pediu ao titular do Goberno autonómico que deixe de actuar de "forma interina", poña ao seu Executivo a traballar e deixe de trasladar á opinión pública medidas que "non van solucionar os problemas de Galicia".

   "Non sabemos se Feijóo despacha co seu Goberno, se están preocupados polos problemas dos galegos ou preocupados por saber se van continuar no Executivo unha vez que o presidente marche", reafirmou.

   Ademais, insistiu en reclamarlle a Núñez Feijóo que "non utilice a Xunta como instrumento alternativo" para chegar ao Congreso ou ao Senado, onde "aínda non está".

DISTINCIÓN ENTRE O CARGO INSTITUCIONAL E DO PARTIDO

   Neste sentido, o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, reprochoulle aos socialistas que, pola súa banda, os populares nunca sinalaron que o presidente da Deputación da Coruña e tamén secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, utilice o seu cargo institucional para darse a coñecer como candidato á Presidencia da Xunta.

   Nesta liña, Puy asegurou que supón que Formoso "sabe distinguir perfectamente cal é a súa función como secretario xeral e como presidente da Deputación", polo que considera que o líder dos socialistas galegos sabe que Feijóo distingue tamén unha cousa da outra.

   En todo caso, o portavoz popular manifestou que o que máis lle molesta ao PSOE é ver "o contraste" dun Goberno presidido por Feijóo "que toma decisións inmediatas" cando se produce unha crise, mentres Pedro Sánchez "viaxa a Europa e fracasa".

   Así, Puy considerou que "ese é o problema de fondo". Unha cuestión que ve "pouco respectuosa cos procesos internos dos partidos" e defendeu que o PP non o fixo cando cambiou o liderado do PSOE en Galicia.

"PROPAGANDA E FUME"

   Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, criticou que Alberto Núñez Feijóo se despida de Galicia con "propaganda e fume", no canto de darlle solucións aos galegos.

   En declaracións aos medios na Coruña, Pontón lamentou que a Xunta leve "días de moitos anuncios", pero que ningún deles se concretou ata o momento no Diario Oficial de Galicia e ningún cidadán se puido beneficiar das axudas anunciadas.

   Neste sentido, reprochou que "aínda que pareza que non", en Galicia hai un goberno que ten competencias en materia de industria, de agricultura ou comercio, "elementos fundamentais" para poder afrontar esta situación. "Necesítase máis que propaganda para saír da crise", concluíu.

Leer más acerca de: