PSOE e PP selan un pacto para gobernar O Carballiño en coalición, que inclúe ceder a Alcaldía aos populares un ano

Publicado: martes, 18 junio 2024 16:45

   OURENSE, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

   PSOE e PP pecharon este martes un pacto para gobernar O Carballiño (Ourense) en coalición, que inclúe que o rexedor que resultou investido após as pasadas eleccións municipais, o socialista Francisco Fumega, cederá o bastón de mando municipal aos populares no último ano de mandato previo aos comicios locais de 2027.

    Fontes populares e socialistas consultadas por Europa Press confirmaron a existencia deste acordo que inclúe unha repartición de áreas de goberno e puntos programáticos para lograr o "avance" desta localidade ourensá que rolda os 14.000 habitantes. O actual portavoz popular no Carballiño, José Castro, será o tenente de alcalde ata que chegue a quenda dos populares de ter a Alcaldía.

    Após as eleccións de maio do ano pasado, Francisco Fumega, do PSOE, gobernaba O Carballiño en minoría, con seis concelleiros. O PP ten cinco, os mesmos que Espazo Común, o partido do exalcalde da localidade e exconselleiro do bipartito, Pachi Vázquez.

   Precisamente, o Concello do Carballiño tiña fixado para este mércores 19, ás 11,00 horas, unha sesión plenaria extraordinaria --posterior á celebración do pleno ordinario-- a petición de Espazo Común na que se expuña a posibilidade dunha moción de censura que dese pé a unha alternativa política a Fumega.

    Finalmente, o achegamento produciuse entre socialistas e populares, o que converte a esta localidade ourensá --próxima a Ourense, onde os grupos tamén negocian estes días unha posible alternativa a Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana)-- nun dos poucos casos nos que se propician este tipo de pactos entre dúas formacións historicamente rivais no plano ideolóxico.

    Con todo, hai excepcións e tamén na propia provincia de Ourense, onde unha do tres alcaldías rotatorias acordadas após os comicios locais do pasado ano foi, precisamente, pactada por PP e PSOE en Ramirás.

Contador