Retiran a máquina que descarrilou en Foz (Lugo) tras atropelar a uns cabalos

Varias persoas traballan para retirar o tren descarrilado, a 2 de xaneiro de 2025, en Foz
Carlos Castro - Europa Press
Publicado: jueves, 2 enero 2025 17:20

    SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Ene. (EUROPA PRESS) -

   Adif retirou a máquina que o 28 de decembro descarrilou no municipio lucense de Foz após atropelar a uns cabalos. O incidente non deixou danos persoais.

    O pasado sábado, un tren de viaxeiros no que só viaxaban o maquinista e o interventor, descarrilou en Foz ao redor das 7.40 horas, tal e como informou o 112.

   O tren cubría o traxecto Ribadeo-Ferrol e a liña ferroviaria está cortada. Con todo, segundo informou Adif, estableceuse un plan alternativo de transporte por estrada entre Ribadeo e Burela.

   Até o punto desprazáronse a Garda Civil e persoal de Adif de Emerxencias. Ademais, a central de emerxencias deu aviso aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo e a Protección Civil de Foz.

   Esta mañá persoal do Administrador de Infraestruturas procedía a retirar a máquina sinistrada, para o que ademais tiveron que levantala para quitar tamén a un dos cabalos que quedara atrapado debaixo.

    Segundo puido coñecer Europa Press, o dono dos animais, que estivo presente esta mañá no lugar, sospeita que os cabalos puideron chegar até a vía fuxindo do lobo, posto que habitualmente tenos a uns 7 ou 8 quilómetros de onde se produciu o suceso e hai uns días rexistrouse na zona o ataque dun lobo a unhas ovellas.

Contador

Leer más acerca de: