Ribera asegura que España vai "como un foguete" e reivindica que o PSOE "está de remontada total": "Imos gañar"

Teresa Ribeira e  Abel Caballero este martes en Vigo.
PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Publicado: martes, 4 junio 2024 20:26

VIGO, 4 Jun. (EUROPA PRESS) -

A candidata do PSOE ás eleccións europeas, vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou que España vai "como un foguete" e reivindicou que os socialistas están "de remontada total" nestes últimos días de campaña electoral: "Imos gañar".

Así o sinalou nun mitin levado a cabo este martes na sede de Afundación de Vigo, onde sacou peito dos últimos datos de cotizantes á Seguridade Social coñecidos esta mañá, marcando marca con máis de 21,3 millóns de afiliados. "Así vai a economía e así vai España. E así imos ir cando o domingo gañemos as eleccións", subliñou.

"Moito coidado con confundirse, con pensar que non pasa nada. Claro que estamos de remontada. Arrasar, non sei, pero gañar, imos gañar seguro", engadiu Teresa Ribera ante unhas 200 persoas que acudiron ao acto na cidade olívica.

Ela puxo o foco na necesidade de entender que a economía e a ecoloxía "van xuntas", para permitir que sectores como o das mariscadoras "poidan seguir traballando", pensando "nas distintas xeracións e nas mulleres".

Ribera destacou a importancia dos fondos europeos e asegurou que os socialistas "teñen a mellor candidatura" para seguir creando Europa.

Ademais, mandou unha advertencia aos cidadáns, dicindo que na actualidade están a verse comportamentos "que parecía que xamais se volverían a ver ou a ouvir", apuntando cara á actitude de partidos de ultradereita e tamén da dereita que "os normalizan" porque "non saben defender a democracia".

"Se suman, pactan e se pactan déixanse arrastrar pola ultradereita", alertou Ribera, indicando que o programa do PP para Europa "non ten nada". "Non hai programa, nin principios, nin vergoña", engadiu, lamentando "os insultos, o lodo e as mentiras" do PP.

"Queremos unha economía que funcione, queremos xustiza social e servizos públicos, dereitos para todos; non negocios duns poucos. Os nosos dereitos non son os seus negocios", sentenciou.

"ARRASAR"

O encargado de abrir o acto foi o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen reivindicou que Teresa Ribera vai "arrasar" nas próximas eleccións europeas na cidade, así como en España. El subliñou a importancia da Unión Europea para a cidade, xa que grazas a fondos europeos construíronse infraestruturas como as ramplas mecánicas da Gran Vía ou o ascensor Halo.

Tamén o Pazo da Raposeira, as zonas de baixas emisións ou a Vía Verde foron outras das obras que contaron con axudas de Bruxelas. "Esa é nosa Europa", reivindicou, asegurando que agora hai un "modelo distinto" de Bruxelas, que inviste para superar as crises económicas non como se fixo, segundo Caballero, na anterior recesión.

"Teresa é nosa mellor representante", engadiu Caballero, insistindo tamén nas axudas que o Ministerio que dirixe Ribera entregou á cidade, pondo o foco nos 72 millóns de euros para que Stellantis teña a demandada moi alta tensión eléctrica ou a reforma da Avenida de Samil.

No seu breve discurso, nun evento que durou uns 45 minutos, Caballero tamén pediu un comisario de Pesca para que apoie ao sector galego e a AVE directo Vigo-Madrid por Cerdedo.

Após el, a senadora e presidenta do PSdeG, Carmela Silva, tomou a palabra, pedindo "máis Europa" e mostrou o seu orgulloso de que Teresa Ribera represente a España, porque é "a muller máis poderosa" do Continente, porque cando vai a Bruxelas "consegue cousas que parecían imposibles, porque é capaz de conseguir o imposible".

"Teresa ademais de ser socialista é europeista. É unha muller que cre que hai que seguir avanzando, creando empresas, con crecemento económico, pero respectando o medioambiente que é a nosa vida. Por iso é unha muller respectada. Por iso estou feliz de que sexas nosas candidata. Ninguén teñen unha candidata como ti", díxolle directamente á ministra.

Carmela Silva explicou que o 9 de xuño España "xógase moito", destacando a importancia de formar parte da Unión Europea "que aposta por que a xente teña máis calidade de vida".

"Xogámonos que Europa queremos: unha que siga avanzando e teña á xente no centro e que crea na igualdade e que as persoas teñen dereitos. Queremos esa Europa e esa garántea o PSOE", sentenciou, pedindo o voto para os socialistas.

"ELECCIÓNS CRUCIAIS"

Pola súa banda, o eurodeputado galego e candidato socialista Nicolás González Casares dixo que Vigo é o motor industrial de Galicia, polo que Europa tamén ten que empuxar pola cidade. "Galicia tamén se fai desde Vigo e desde Europa", destacou.

"Estas son unhas eleccións cruciais. Xogámonos avanzar no modelo social europeo, de paz e democracia no que sempre cremos os socialistas. Doutra banda, temos o modelo do retroceso, dos homes de negro que se pasean coa man no alto polo centro de Roma querendo influír nos nosos dereitos", apostilou, asegurando que os socialistas "os van a parar". "Imos dicirlle á dereita e á ultradereita, que xa son o mesmo, que non queremos ir por ese camiño", engadiu.

O encargado de pechar o acto, do cal Ribera tívose que ausentar antes de finalizar, foi o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen puxo en valor os avances que supuxo a entrada de España na Unión Europea, destacando a importancia dos fondos europeos para sectores como a agricultura ou a pesca galega.

"O modelo socialista, que é un modelo de éxito, de crecemento, que é capaz de dar máis servizos públicos, é un modelo que a xente non pode coñecer, porque se o coñece sumar e iso é o que a dereita non quere e por iso insúltannos. Non é algo persoal, son negocios da dereita", insistiu Besteiro durante a súa intervención.

Para el, o PSOE é o único partido que ten a forza para deter á dereita e á ultradereita en Europa. "Se entra a ultradereita en Europa, tamén entra en Galicia, porque máis dun 70% das cousas que nos afectan saen da Unión Europea", dixo.

Leer más acerca de: