SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Dic. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, agradeceu a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe que conducise ao Camiño de Santiago "ao seu rexurdir para engrandecer a Galicia e facer dela unha orixe e destino universal".
Rueda, segundo recolle o Goberno galego nun comunicado, expresouse así no acto de recoñecemento de Portomeñse como Embaixador de Honra do Camiño de Santiago. Alí, destacou tamén a "sabedoría" do homenaxeado por facer da ruta unha metáfora da evolución de Europa "cara a unha maior integración baseada en metas comúns".
O acto celebrouse este mércores no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e asistiron ademais o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.
Na súa intervención, o titular da Administración autonómica reivindicou os "múltiples rostros" de Portomeñe, desde o seu papel "fundamental" nos inicios do autogoberno galego e na redacción do Estatuto de Galicia até no seu servizo público como conselleiro da Xunta, así como o seu traballo como avogado e a súa contribución ás letras como escritor.
Para Rueda, unha das súas maiores contribucións a Galicia será sempre a de "resucitar" o Camiño de Santiago na última etapa do século XX "para dalo a coñecer ao mundo enteiro".
Como resultado do seu traballo, defendeu Rueda, reforzouse o prestixio do Camiño como itinerario de peregrinación histórico, no ronsel da súa declaración como primeiro Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa en 1987.
"Ademais de contribuír á riqueza económica de Galicia, o Xacobeo 93 favoreceu ese mesmo ano a declaración por parte da Unesco do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade".
O presidente lembrou, por último, que esta homenaxe "ao impulsor do Xacobeo" coincide coa celebración do dobre Ano Santo, "con cifras marca tanto no número de peregrinos como no de turistas, con seis millóns de viaxeiros que camiñaron até a tumba do Apóstolo ou que visitaron a comunidade no dez primeiros meses de 2022".