SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Jul. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que a posibilidade de reactivación da central térmica das Pontes (A Coruña) demostra os "vaivéns" do Goberno central respecto dunha transición enerxética "sen planficación".
A preguntas dos medios en Santiago, Rueda reflexiona acerca de que "hai que facer as cousas planificadamente" en materia enerxética. "Ao final, se non, parece que arroiamos todo e despois hai que volver marcha atrás", sostén.
"Isto o que demostra é que, con independencia de circunstancias esóxenas que poidan ter que ver coa guerra ou outras circunstancias, isto o que acredita é o que viñamos dicindo desde hai tempo: que esta transición enerxética coa que todos estamos de acordo nos fins, pero non de acordo no modo no que fixo, querendo ser desde o Goberno central os campións de todo, facendo planificacións que agora se demostran que non son adecuadas", asegura.
Deixa claro que "facendo as cousas ben non habería necesidade destes vaivéns, que ademais achegan moitas inseguridades e mostran que unha transición enerxética sen planificación ao final o que provoca é que, á parte de rectificar, polo camiño moitas empresas e moitos traballos pérdense".