Rueda avanzará este martes as liñas dos orzamentos para 2025, que incluirán novas medidas en vivenda

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, antes do Consello da Xunta.
XUNTA
Publicado: lunes, 7 octubre 2024 16:42

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzará este martes na súa comparecencia no Parlamento de Galicia as "grandes liñas" de actuación do seu Goberno para o próximo ano e o que resta de lexislatura a través dos orzamentos, nos que avanzou que se incluirá unha batería de medidas para facilitar o acceso á vivenda.

   "O orzamento do ano que vén terá un investimento importante en materia de vivenda. É un problema para a sociedade galega e a Xunta de Galicia ten que responder a esa inquietude", dixo Rueda, que sostivo que hai moitas formulas para favorecer o acceso á vivenda e que aquelas que necesitan "reflexo orzamentario" terano nas contas do próximo exercicio.

   Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o máximo mandatario explicou que aproveitará a cita para debullar as grandes liñas que quere levar a cabo o seu Goberno a medio e longo prazo en asuntos como a vivenda; así como para pór en valor algo que, na súa opinión, debería "ser normal" pero é "excepcional", como o feito de que Galicia vaia a ter o ano que vén uns orzamentos.

   E é que Rueda sinalou que, a diferenza do que se ve co Goberno central, Galicia "outra vez vai ter uns orzamentos o ano que vén" para "poder levar a cabo todo aquilo que está planificado". "Isto é fundamental, non é o mesmo ter orzamentos que non telos. Hai moitas cousas que non se poden facer se non tes orzamentos e tes que prorrogar os anteriores. Por tanto, Galicia volverá ter esa normalidade institucional de ter uns orzamentos", dixo.

    Rueda, que avanzou que "haberá algún anuncio" das cousas que pretende facer, afirmou ter a vontade de dar a "tranquilidade" aos galegos de que o Goberno galego ten planificado o que quere facer e de que ten instrumentos para poder levar esas políticas a cabo.

REBAIXAS FISCAIS

   Ademais, cuestionado sobre se as contas da Xunta para 2025 incluirán novas rebaixas fiscais, o presidente galego dixo reflectirán algunhas das xa anunciadas, como a de sucesións.

    Deste xeito, incidiu en que as contas incluirán todas as rebaixas fiscais anunciadas en anos anteriores, que cada ano teñen que ter o seu reflexo, e as avanzadas como compromiso electoral. "Por tanto, o 1 de xaneiro, co orzamento aprobado, verase como todos os compromisos fiscais anunciados serán unha realidade", afirmou.

   Rueda sostivo que esta é a diferenza entre un goberno que baixa impostos, como o seu, e o Goberno central, do que asegurou perder a conta da cantidade de impostos que incrementou.

EXPECTATIVAS MODERADAS NA OPOSICIÓN

   Pola súa banda, os principais grupos da oposición, BNG e PSdeG, esperan con expectativas moderadas a comparecencia no Parlamento do presidente galego, Alfonso Rueda, prevista para o pleno que arrinca este martes. Así o ratificaron a viceportavoz do BNG Olalla Rodil e o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen esgrimiu que o que urxe a Galicia é "un xiro radical" nos Orzamentos e "centrarse nos verdadeiros problemas do país".

Contador

Leer más acerca de: