Rueda, ante o inminente fallo sobre a continuidade de Ence: "Pontevedra non pode ser unha illa que non quere empresas"

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, nun almorzo con empresarios en Pontevedra.
PPDEG
Publicado: lunes, 6 febrero 2023 15:36

   PONTEVEDRA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou que "Pontevedra se xoga moitísimo" coa sentenza que este martes debaterán os maxistrados do Tribunal Supremo sobre a legalidade da prórroga da fábrica de Ence en Lourizán. "Pontevedra non pode ser unha illa que non quere empresas", sentenciou.

   Nun acto do Partido Popular con empresarios da cidade, entre os que estaba presente o director territorial de Ence, Antonio Casal, o titular do Goberno galego insistiu en que desde a Xunta de Galicia farán "todo o posible" para que, "pase o que pase" coa sentenza do Supremo, "Pontevedra teña futuro".

   Alfonso Rueda destacou que este martes é un día marcado en vermello para a cidade: "Non só estabamos a falar dunha empresa, porque Ence é moitísimo máis que unha empresa, son centos de familias e é a potencia industrial de Pontevedra".

   O presidente da Xunta recalcou que a súa cidade "non pode ser unha illa que non quere empresas", mentres que "en todos os sitios se pelexan por captar empresas". Neste sentido, mostrouse convencido de que a Boa Vila "non pode permitirse dar un paso atrás" e seguir perdendo oportunidades.

   "Espero non ter que lamentar nada", engadiu. "Pontevedra ten futuro se mantén o seu tecido económico. Se falla o económico, non hai futuro posible", dixo o presidente da Xunta antes de criticar ao Goberno central por recoñecer agora que "non ten plan B" para afrontar as consecuencias dunha posible "situación non desexada".

Leer más acerca de: