Rueda pide unidade a Ourense e Santiago para que A Coruña sexa a candidata "de Galicia" á axencia da IA

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, na reunión do Consello da Xunta. Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, 27/10/22.
XUNTA
Publicado: jueves, 27 octubre 2022 14:36

   O Consello non ratifica na súa reunión deste xoves o seu apoio á cidade herculina na carreira a nivel estatal: "Hai prazo aínda"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou a sensación de "desunión" que producen as queixas dos alcaldes de Ourense (Gonzalo Pérez Jácome) e Santiago (Xosé Sanchez Bugallo) ao proceso polo que A Coruña foi seleccionada o luns como a cidade que apoiará o Goberno galego para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia).

   Aínda que non se pronunciou expresamente sobre se as dúas urbes non seleccionadas deben retirar as súas candidaturas en solitario, si advertiu que son "decisións políticas" e que "non é bo para que prospere" a postulación da Coruña, que é xa, segundo dixo, "a candidatura de Galicia".

   Así respondeu ao ser preguntado polos medios este xoves, tras unha reunión do Goberno autonómico na que, a pesar de que estaba previsto, aínda non se ratificou o apoio á cidade herculina para correr esta carreira a nivel estatal. "Hai prazo aínda", engadiu.

   Rueda comprende o malestar xerado pola decisión do Nodo GalicIA, pero recalcou que se adoptou "por unanimidade" nesa reunión do luns na que estiveron presentes, ademais de representantes do Goberno galego, as tres universidades públicas --A Coruña, Santiago e Vigo-- e membros da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

DEFENDE A "TRANSPARENCIA"

   O presidente dixo non coñecer "o detalle das valoracións" porque el "non forma parte" do Nodo GalicIA. Así, aínda que entende o "desgusto" das dúas non seleccionadas, defendeu a "transparencia" do procedemento e valorou que o que había que facer era "priorizar" entre as tres candidatas.

   "As dúas seleccionadas terían, loxicamente, as súas obxeccións, porque se terían que considerar as mellores. Pero cando hai que priorizar hai que pór unha candidatura en primeiro lugar", insistiu.

   Por tanto, a da Coruña "ao final é a candidatura de Galicia" a acoller a Aesia, coa intención de que "todo o territorio se beneficie" do seu impacto. En calquera caso, a última a decisión teraa o Goberno central.

   Cuestionado sobre por que a Xunta seleccionou a Ourense --máis ben, o polígono do municipio de San Cibrao das Viñas-- como sede do Centro de Ciberseguridade de Galicia e agora aposta pola Coruña para este centro de intelixencia artificial, respondeu que "seguro" que se empregaron os "mesmos argumentos" para seleccionar unha e outra.

Leer más acerca de: