Alenta a Feijóo a ir á investidura se llo propón o rei, "con máis forza e máis razóns" despois da carta de Sánchez
Seguro do "apoio unánime" a Feijóo como líder do PP, dá por feito que Ayuso o comparte, "con independencia de frases máis ou menos afortunadas"
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Ago. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, rexeitou "a demonización" de Vox e proclamou que é "un partido constitucional", á vez que contrapuxo que Bildu levou a condenados de ETA nas súas candidaturas das pasadas eleccións municipais do 28 de maio. "Vox non fixo iso, nin creo que o fagan xamais. Aí aínda, sinceramente, creo que hai diferenzas", alegou.
Trasladouno nunha entrevista concedida a Europa Press, na que foi preguntado sobre a relación do PP con Vox nun contexto marcado polas eleccións xerais do pasado 23 de xullo, nas que o seu antecesor na Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, logrou ser o máis votado pero sen sumar os apoios suficientes que lle garantan ser investido presidente.
O sucesor de Feijóo en Galicia alentouno a que o tente e defendeu que "gañou" o 23X, polo que non só ten "todo o dereito", senón que "debe" ir á investidura "sempre que llo propoña" o rei Felipe VI.
Sobre todo, dixo, "con máis forza e máis razóns" despois da "absoluta soberbia" do presidente do Goberno en funcións, o socialista Pedro Sánchez, na súa resposta á carta inicial na que o líder popular lle urxía unha reunión.
Rueda négase a aceptar que o seu xefe de filas non teña opcións de lograr entrar na Moncloa e incide en que para iso é necesario que "faga movementos" e "busque apoios". "Pero, sinceramente, creo que é o que está a facer", remarcou.
DÁ MÁIS MEDO VOX QUE BILDU OU ERC?
Coa sombra da estratexia para as xerais e distintas visións no seo do PP sobre a relación que se debería establecer co partido de Santiago Abascal --co que transcendeu que Feijóo mantivo un encontro xa tras o 23X--, Rueda foi preguntado acerca de se comparte co presidente andaluz, Juanma Moreno, que dan "máis medo" algúns dos seus dirixentes que Bildu ou ERC.
"Vox é un partido constitucional. Négome a esa demonización", contrapuxo, antes de ser repreguntado en relación a que Bildu tamén é legal e así foi avalado polo Tribunal Constitucional. Neste punto, Rueda contestou que Bildu levou a condenados de ETA en candidaturas, algo que considera que a formación de Abascal non faría "xamais", polo que recalcou que, ao seu xuízo, "hai diferenzas".
Ademais, rexeitou xulgar a compañeiros do seu partido que optaron pola vía de aliarse con Vox para formar goberno e reiterou que repudia "a demonización de calquera intento de pactar con Vox" fronte á "bendición e absoluta normalidade" no espectro da esquerda de facelo, por exemplo, con formacións independentistas, algunhas con "prófugos da xustiza" que puxeron en risco "o Estado constitucional" --en alusión a Junts e Carles Puigdemont--.
En todo caso, celebrou non ter que estar nesta situación e, sen clarificar que faría se nas próximas autonómicas Vox entrase no Parlamento galego e el necesitase os seus apoios para seguir como presidente galego, respondeu que o seu obxectivo será que non consiga máis representación institucional da que ten agora: unha concelleira en Avión, un municipio ourensán de menos de 2.000 habitantes.
COTO A VOX EN GALICIA: "AQUÍ DAMOS BATALLAS CULTURAIS E DE IDENTIDADE"
E cal é o elemento diferencial que pon coto en Galicia a Vox? "Aquí damos batallas culturais e de identidade de Galicia que entenden moitos votantes", argumentou Rueda, antes de incidir na mensaxe que os populares espremen en cada campaña electoral de que "o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia".
Ademais, indicou que Vox naceu "nun momento de debilidade evidente" do PP no ámbito estatal, pero confía na capacidade de Feijóo para volver aglutinar o voto deste espectro ideolóxico. De feito, aínda que "non todo", defendeu que xa o 23x, a primeira cita coas urnas á que concorre no ámbito nacional, xa conseguiu "concentrar unha parte importante do voto útil".
"Vox diminuíu apoios, co cal eu creo que o mesmo que conseguimos en Galicia estes anos, el está a empezar a conseguilo en España", defendeu.
"APOIO UNÁNIME" AO LIDERADO DE FEIJÓO
Na liña de cada dirixente do PP galego que se pronunciou despois das xerais, Rueda tamén pechou filas con Feijóo despois de aparecer algunhas voces, entre elas a de Esperanza Aguirre, que o fixo en público, que suxerían a posibilidade dun cambio de xefe de filas co foco na presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
"Estou seguro de que non hai ninguén agora mesmo no PP que suscite o apoio unánime que suscita Alberto Núñez Feijóo. Incluída a señora Ayuso", reivindicou, antes de minimizar a relevancia das expresións utilizadas pola súa compañeira madrileña, que admitiu nunha rolda de prensa que lle estaban chegando mensaxes pedíndolle porse á fronte do partido, que dixo non estar "nin abrindo".
Na mesma intervención, aínda que para expresar o respaldo ao seu xefe de filas, Ayuso empregou unha frase non exenta de polémica ao advertir que non se podía estar o xoves (previo ao 23X) "nun mitin con Feijóo, aplaudíndolle", e ao martes seguinte "tirándoo por unha ponte".
Rueda rebaixou estas cuestións e insistiu en que non cre que a dirixente madrileña teña "intención" algunha diferente á del mesmo, "con independencia de frases máis ou menos afortunadas": que Feijóo logre os apoios que necesita e que sexa investido presidente do Goberno. "Ás veces queres expresar algo e non che sae ben", xustificou.
"CÓMODO" CO MODELO TERRITORIAL
Por outra banda, fronte a formacións que reclaman un novo modelo territorial no marco das negociacións de investidura --nesta liña ía unha demanda exposta a Sánchez por parte do presidente do PNV, Andoni Ortuzar--, Rueda respondeu que el está "cómodo" co que hai en España.
"E non creo que sexa a prioridade. A prioridade agora mesmo, e se lle preguntamos aos cidadáns vano a dicir, é que funcionen ben os servizos públicos, que se siga creando emprego, que a xente teña traballo e que se poidan pagar as pensións", aseverou.
AVOGA POR QUE AS VISITAS DO EMÉRITO SE "NORMALICEN"
Finalmente, coa última visita do rei Juan Carlos I a Sanxenxo (Pontevedra) aínda recente, o presidente galego indicou que non tivo a oportunidade de falar nin de reunirse con el, aínda que estaba "informado os seus movementos" polo rexedor da localidade, o popular Telmo Martín.
En todo caso, tras unha primeira visita na que, recoñeceu, o emérito "tivo unha exposición mediática quizais excesiva", polo que avoga Rueda é por que se "normalicen" estas viaxes á comunidade.
E declinou manifestar a súa opinión acerca de que lle parecería se, como se ten comentado, Juan Carlos I adquirise unha casa en Galicia. "Creo que neste caso diríalle que faga o que estime oportuno e non me teño que meter moito máis niso", resolveu.