O presidente da Xunta remarca que "lle gustaría" que Sánchez "aclarase" certas cuestións como a chegada dos trens Avril
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Dic. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tachou de "descortesía institucional" que o presidente do Gobierno, Pedro Sánchez, "non considerase" que Rueda debería de estar no primeiro corte de chapa da segunda das fragatas da serie F-11 que se produciu na mañá deste sábado en Navantia, no municipio coruñés de Ferrol.
Así o declarou aos medios tras un acto o acto do XXX aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio Mundial, que se celebrou na capital galega.
"Non entendo moi ben como algo tan importante para Galicia non considera o presidente do goberno que a Xunta e o seu presidente, que por certo son o seu representante ordinario aquí en Galicia, non debería estar tamén", afeou o presidente do Executivo galego.
Rueda incidiu en que como presidente do Goberno, en Galicia sempre "vai ser benvido" e sobre todo se "vén con espírito de colaboración e a traer boas noticias".
Con todo, remarcou que "o lóxico" é que el participase tamén nese acto e asegurou que se isto pasase por exemplo en Cataluña, o presidente da Generalitat "non tería o tratamento que está a ter o presidente da Xunta".
VISITA POLÍTICA
En canto á visita política, sinalou que ante a "precampaña permanente" na "obsesión coa data electoral" que ten o PSdeG "concorda perfectamente" que este sábado visite Galicia.
"Ao final, fronte a este tripartito, que está claro que é a oposición, que imos ter en Galicia, ao final é o candidato do tres, Partido Socialista, Bloque, Sumar, o seu candidato é Pedro Sánchez e a quen están a esperar que veña aquí. Probablemente a facer moitos anuncios, igual que veremos moitísimos anuncios durante estes meses de tantas cousas que levamos reclamando moitísimo tempo e que non é que non se desen é que foi acalada por resposta. Agora de súpeto seguro que nos din que se fan realidade", esgrimiu Rueda.
A continuación, puntualizou que lle "gustaría" que Sánchez "aclarase" certas cuestións, por exemplo, engadiu Rueda, que pasa outra vez cos trens Avril, como están os accesos a Galicia ou os proxectos de Fondos Next Generation, entre outras cuestións.
Nese "carrusel de anuncios" que augurou que chegará Rueda espera que "fosen boas noticias" para Galicia e de ser así a Xunta "vai colaborar". "Pero bo, todos sabemos de que van estas cousas", lamentou.
ELECCIÓNS GALEGAS
O presidente galego, preguntado sobre a data das eleccións autonómicas, asegurou que a oposición tripartita en Galicia "está en modo absolutamente preelectoral" e só hai "obsesión pola data electoral".
"Mentres nós estamos a piques de aprobar o noso orzamento e seguimos gobernando", apostilou, á vez que chanceou con que algúns dos que dixeron como data electoral posible un domingo desde o 1 de xaneiro até o 30 de xuño, porque "xa os dixeron todos, algún vai acertar seguro".
Ademais, engadiu, que a súa actividade política como presidente do PPdeG "pon moi nervioso" á oposición e lembrou que empezaron cun autobús que "simplemente buscaba achegarse á xente" e era algo do que "sempre falaba a oposición".
"Loxicamente o ano que vén vai ser ano electoral, pero volvo dicir que en porcentaxe de tempo e sobre todo de preocupacións, á miña a principal preocupación é ser presidente da Xunta e mentres tamén actividade de partido", apuntou.
RESPOSTA DE MONCLOA COAS DEMANDAS DE GALICIA
Noutra orde de cousas, sobre a carta que enviou Rueda a Moncloa coas principais demandas de Galicia e á formulación de reunión con Sánchez, indicou que "non tiveron resposta absolutamente a nada".
"Houbo algunha resposta puntual dalgún ministro a reclamacións concretas" algo que agradeceu, pero en xeral a resposta do presidente do Goberno "foi acalada".