SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alfonso Rueda, ve "lexítimo" que o PP nacional pague ao seu líder, Alberto Núñez Feijóo, en concepto de "gastos de representación" a maiores do seu salario como senador.
Con todo, ao ser preguntado acerca da súa opinión polo feito de que Feijóo, ao sumar ambas as contías, cobre máis que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Rueda evitou "facer polémicas e comparacións". "Ten pouco sentido e, desde logo, eu, non as vou a facer", engadiu.
O mandatario galego rexeitou facer "comparacións de soldos públicos" porque cando unha persona asume un cargo "sábese o soldo que vai ter". "É bo que os soldos sexan coñecidos e, por tanto, ás veces hai diferenzas máis ou menos explicables", manifestou Rueda.
Con todo, cualificou de "absolutamente lexítimo" que a dirección do PP decidise pagarlle ao líder do partido eses gastos de representación que en todo o ano 2022 --desde que en abril deu o salto á política nacional-- ascenderan a 39.260 euros.
O PP desvelábao este mércores horas despois de que o presidente do Senado, Ander Gil, lle dese unha semana --prazo que rexeita-- para actualizar a súa declaración de rendas, ao esixir o PSOE saber se cobra un "sobresoldo" como líder do seu partido.