Santiago reivindica o Alba de Compostela como tradición "cada ano máis consolidada: "É o acto que necesitaba"

Segunda edición do acto institucional do Concello de Santiago 'Alba de Compostela', no Teatro Principal.
AYUNTAMIENTO DE SANTIAGO
Publicado: jueves, 25 julio 2024 21:09

Despois das críticas da primeira edición, toda a corporación asistiu ao acto que, nesta ocasión, celebrouse pola tarde

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O Teatro Principal de Santiago acolleu este xoves o evento de entrega da segunda edición do Alba de Compostela, o acto institucional do Concello da capital galega co que rende homenaxe a santiagueses distinguidos e no que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, celebrou que se trate xa "dunha tradición cada ano máis consolidada".

   Pasadas as 19.30 horas, o son da gaita de Marita Giadáns coa Muiñeira de Trandeiras daba comezo ao acto no que nesta edición recoñeceuse o labor da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o comerciante Xaquín Mato, a catedrática en Farmacoloxía Mabel Loza e ao presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández.

   A música e un vídeo da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia deron paso á entrega de premios que, en primeiro lugar, recolleu o presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández, que tras agradecer aos seus compañeiros de Cáritas e da Plataforma o seu traballo reivindicou este premio para "reforzar o traballo colectivo para mellorar a vida das persoas en situación de pobreza e exclusión social".

   Tamén aproveitou a súa intervención para demandar que se aprobe a iniciativa lexislativa regulación xa, "que debe cambiar de forma radical a lexislación de estranxeiría para evitar que haxa persoas en situación de irregularidade administrativa".

    Do mesmo xeito, criticou o "impresentable racismo, tamén institucional que parece estenderse impulsado por determinadas opcións políticas e permitido por outras". Concluíu a súa intervención esixindo o cesamento "de forma inmediata do xenocidio de Gaza perpetrado polo Estado de Israel".

AGRADECEMENTOS E EMOCIÓNS

   Pola súa banda, Mabel Loza, tras agradecer a compañeiros e familiares, comprometeuse a "honrar e a apoiar sempre amenceres con estes compañeiros da Alba de Compostela".

   Así mesmo, Concha Losada trouxo ao Teatro Principal "a todos os que en 1967 lograron que abrise" o Museo do Pobo Galego, un museo que "non contou con ningún organismo que o botase a camiñar".

   O discurso máis emotivo foi o de Xaquín Mato quen, emocionado, lembrou o seu traballo en diferentes asociacións dunha cidade á que chegou hai 50 anos procedente da parroquia de Canduas, en Cabana de Bergantiños.

   "Creo que son un ser raro ao que lle gusta axudar á xente sen pensar que me van a dar a cambio. Sintome satisfeito de todo o que fago por axudar. Este é un agasallo único que levarei sempre no meu corazón", festexou.

"O ACTO QUE COMPOSTELA NECESITABA"

   A alcaldesa deu a benvida aos presentes celebrando ver o teatro cheo e mostrou a súa "alegría" por comprobar que "este é o acto que Compostela necesitaba, a celebración propia nun día grande" no que o Concello, dixo, "tiña tamén que ser protagonista"

   "Desde o seu nacemento, o Alba de Compostela quere ser unha festa común, unha festa de todo o mundo, cada vez máis grande, cada ano máis consolidada, unha tradición nova que, como as boas tradicións, necesita que se repita e que se queira para existir", manifestou.

   A continuación, a rexedora confesou que este acto é para ela "un dos máis relevantes do ano na intensa axenda dunha Alcaldía" como a de Compostela.

PARTICIPACIÓN DE TODOS OS GRUPOS

   Así, aproveitou a súa intervención para agradecer a todos os grupos que forman parte da corporación municipal que participen e colaboren á hora de organizar este acto (cada portavoz fixo entrega dun dos recoñecementos), despois de que na súa primeira edición nin PP nin PSOE acudisen a esta cita ao considerar que se trataba dun acto que non era da corporación e que incumpría o regulamento.

   "Quero trasladar a miña felicidade por ver a toda a corporación neste teatro un ano despois, polo diálogo, polos debates, pola necesaria colaboración institucional cando o único obxectivo é o ben común que é, en definitiva, o fin ao que se ten que dirixir toda a acción política", reivindicou.

RECOÑECEMENTOS

   Tras lembrar o 'Alba de Gloria' de Castelao que dá nome a este evento, puxo en valor aos galardoados na primeiro Alba de Compostela para, seguidamente, recoñecer ás persoas premiadas por unanimidade este ano.

   Así, recoñeceu o "bo facer" de Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego. "Un centro que é referencia do que somos, un espazo que fala de nós, da nosa identidade e coida e mostra con orgullo o legado cultural que chegou até nós das xeracións que nos precederon e que nós temos a obrigación e a responsabilidade de facer que chegue ás que virán despois", expresou Sanmartín.

   De Xaquín Mato Castro, que dá o seu nome a un comercio emblemático do Ensanche -- Papelería Xaquín--, a alcaldesa sinalou que merece, "por méritos propios", formar parte da constelación da Alba de Compostela. O nome de Xaquín, destacou, fala do Ensanche "máis comunitario, das mellores calidades do pequeno comercio, tan relevante nun concello" como Santiago, e da "implicación persoal en proxectos colectivos como o propio movemento asociativo".

   Sobre a catedrática de Farmacoloxía e directora científica do CIMUS, Mabel Loza García, Goretti Sanmartín subliñou a súa "traxectoria espectacular" na que destacan "grandes avances para a saúde pública".

   Por último, fixo referencia ao presidente do Foro Galego de Inmigración e portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas, Miguel Fernández, do que sinalou que se sitúa sempre "ao lado de quen máis o necesita, para mellorar as súas vidas".

    Antes de concluír a súa intervención, Goretti Sanmartín tivo palabras de solidariedade coas familias dos falecidos e desaparecidos no naufraxio do 'Argos Xeorxia' rexistrado este martes fronte á costa das Illas Malvinas.

CASTELAO

    "Dicía Castelao que foi na nosa cidade, na súa mocidade, onde lle naceu a idea dunha Galicia 'máis xusta, máis libre, máis abundante', e hoxe, tanto tempo despois, continuamos compartindo ese ideario e defendéndoo na súa memoria porque é difícil definir de mellor maneira o futuro que queremos", reivindicou a rexedora.

   Deste xeito, a través de Castelao, destacou que este 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, Compostela homenaxea a homes e mulleres da cidade e destaca "a súa figura inmensa" e afirma, que o intelectual rianxeiro é un nome que "merece estar non só na súa Alba de Gloria de inmortais, senón tamén na Alba de Compostela".

   Pechou o seu discurso desexándolle a todos os asistentes, como fixera Castelao: "Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".

   O acto finalizou co Himno de Galicia interpretado por Marita Giadáns e cantado por un Teatro Principal cheo nesta segundo Alba de Compostela, que contou coa presenza de, entre outras autoridades, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.

    Ademais, os asistentes cantaron o cumpreanos feliz ao homenaxeado Xaquín Mato, que sinalou na súa intervención que este venres cumprirá 74 anos.