A Seguridade Social supera en Galicia en agosto o millón de afiliados, 217 menos respecto de xullo

Archivo - Arquivo - Afiliación á Seguridade Social
MINISTERIO DE SEGURIDAD SOCIAL - Archivo
Publicado: lunes, 4 septiembre 2023 12:19

A CORUÑA, 4 Sep. (EUROPA PRESS) -

O número medio de afiliacións ao Sistema de Seguridade Social en Galicia no mes de agosto alcanzou a cifra de 1.077.911 para o total do sistema, o que supón un descenso respecto ao mes de xullo de 217 afiliacións, un 0,02 por cento menos, segundo informa o Instituto Galego de Estatística.

Na comparativa interanual (agosto de 2023 en relación ao mesmo mes do ano anterior), constátase un aumento de 22.580 afiliacións no total do sistema en Galicia, un 2,14% máis.

Por provincias, o número medio de afiliacións á Seguridade Social aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado no catro. Ourense é a provincia que presenta a maior subida nas afiliacións cunha taxa de variación interanual do 2,38%, seguida da Coruña, 2,26%; Pontevedra, 2,06% e Lugo, 1,74 por cento.

No que respecta ás afiliacións medis con respecto a xullo, Pontevedra (-0,10%) e A Coruña (-0,08%) presentan unha taxa de variación intermensual negativa, mentres que Ourense (0,29%) e Lugo (0,17%) presentan unha taxa positiva.

DATOS ESTATAIS

A nivel estatal, a Seguridade Social perdeu unha media de 185.385 cotizantes en agosto respecto ao mes anterior (-0,9%), o que levou ao sistema até os 20.706.500 ocupados, fronte ao máximo de 20,89 millóns alcanzado o mes anterior.

Aínda así, o total de ocupados situouse en agosto no seu nivel máis elevado neste mes dentro da serie histórica, segundo datos publicados este luns polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A baixada da afiliación rexistrada en agosto deste ano é inferior á experimentada en igual mes de 2022, cando o sistema perdeu case 190.000 afiliados medios, pero o dato é peor que o de 2021 (-118.004 cotizantes) e 2020 (+6.822 ocupados), exercicios que se viron afectados pola pandemia. Deixándoos á marxe, a caída de afiliados de agosto deste ano é a menor desde 2017 (-179.485 cotizantes).

A afiliación media baixou en agosto en trece comunidades autónomas e subiu en catro rexións: Canarias (+1.317 cotizantes), Estremadura (+685), Asturias (+664) e Cantabria (+111 ocupados). Os maiores descensos, en termos absolutos, rexistráronse en Cataluña, que perdeu 60.317 afiliados; Madrid (-36.860 cotizantes), e Comunidade Valenciana, con 27.199 cotizantes menos que en xullo.

Por outra banda, o Ministerio informou de que os traballadores en ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP) situáronse ao finalizar agosto en 9.907, por baixo dos 11.115 do mes anterior.

En total, a 31 de agosto había 11.238 traballadores en ERTE, o equivalente aproximado a menos do 0,1% do total de afiliados, dos que 9.907 estaban nun ERTE-ETOP e 1.331 nun ERTE por forza maior. Estes últimos incrementáronse respecto da cifra do mes anterior (1.112).