VIGO 22 Nov. (EUROPA PRESS) -
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 4 anos de prisión a Francisco G.L., responsable dun almacén pirotécnico ilegal que voou polo aire en maio de 2018 en Tui (Pontevedra) e provocou a morte dun matrimonio, así como lesións a decenas de persoas e cuantiosos danos materiais.
O tribunal establece así a pena que xa fora pactada polas acusacións e a defensa na vista de conformidade celebrada en setembro pasado, e condena ao procesado por un delito imprudente de estragos en concurso ideal con dous delitos de homicidio imprudente e 28 lesións por imprudencia; e tres delitos de risco catastrófico provocado por explosivos (polos 'zulos' que a Garda Civil descubriu e que tiñan material explosivo almacenado de forma irregular).
Ademais das penas de prisión, que suman catro anos, a Audiencia condénao ao pago de multas que suman 3.240 euros, e inhabilítao para exercer profesión ou actividade que teña que ver coa pirotecnica por un período de 18 anos. Igualmente, tampouco poderá achegarse a menos de mil metros da zona da explosión, en barrio de Paramos, durante 4 anos.
No fallo do tribunal tamén se recolle que o acusado e a súa aseguradora, Mapfre, deberán indemnizar os fillos do matrimonio falecido (en 280.000 euros a cada un) e ás persoas que sufriron lesións pola deflagración (37 persoas, con compensacións que suman máis de 185.000 euros).
Igualmente establécense indemnizacións por danos en máis de 500 inmobles (vivendas e outros locais) e vehículos, de máis de 8 millóns de euros, así como a compensación por danos en serivios públicos do Concello de Tui (iluminación, redes de abastecemento e saneamento, mobiliario urbano, viarios, etc.) que superan o medio millón de euros.
A Audiencia establece que, nos casos en que os prexudicados fosen compensados polos seus seguros, a indemnización deberá pagarse ao seguro. Así mesmo, tamén sinala que a responsabilidade civil directa de Mapfre limítase até un máximo de 1,5 millóns de euros, que é a cobertura prevista na póliza que tiña subscrita o acusado; mentres que declara a responsabilidade civil subsidiaria da empresa do acusado, a pirotecnia La Gallega.