O Sergas culpa ao Goberno do déficit de médicos e defende o seu plan para verán ante un BNG que lle pide "rectificar"

O xerente do Sergas, José Ramón Parada, na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego.
XUNTA

   O Bloque ve "insuficientes" as medidas propostas no plan estival e acusa á Xunta de "botar balóns fóra"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, volveu a culpar ao Goberno central da falta de médicos, algo que "sofre toda España", e defendeu o plan que aprobou o luns o Consello da Xunta para cubrir as vacantes previstas no verán.

   Así o manifestou Parada na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, no que foi o primeiro debate no Parlamento galego ao redor deste plan estival. A deputada do BNG Montse Prado considera que as súas medidas son "tardías e insuficientes", polo que solicitou unha "rectificación".

   En concreto, a nacionalista interpelou ao xerente do Sergas sobre como xestionará a asistencia sanitaria nos próximos meses na comarca do Salnés (Pontevedra), pero boa parte do debate se centrou nese plan de cobertura estival do Sergas.

   Parada insistiu en que o déficit de médicos de Atención Primaria e pediatras ocorre "en toda España", en comunidades autónomas con "modelos de xestión distinto", polo que considera que as solucións deben ser "comúns" e vir "do Goberno central", por exemplo a través do aumento das prazas de formación MIR en Medicina de Familia.

   Ante un Ministerio de Sanidade que "non fixo nada" nos últimos anos, o xerente do Sergas reivindicou as medidas retributivas e laborais adoptadas, así como a lei do 2022 que habilitou á Xunta a convocar prazas de difícil cobertura sen oposición, por concurso de méritos. "Á que vostedes votaron en contra", esgrimiu, cara á oposición.

"DEREITO A GOZAR DAS VACACIÓNS"

   Dito isto, José Ramón Parada expuxo o plan para este verán dotado con 12,5 millóns de euros, en vista das vacantes que provocará o "dereito de gozar das vacacións" do persoal.

   Entre as medidas propostas, está que os MIR de Medicina Familiar de 4º ano poidan pasar consulta de forma retribuida e con supervisión, así como que haxa médicos itinerantes que pasen puntualmente a exercer en centros de saúde e PAC de zonas tensionadas.

   "Pode estar vostede tranquila, porque a asistencia sanitaria está garantida na Comunidade", dixo o xerente á deputada do BNG.

BNG: "DEIXE DE BOTAR BALÓNS FÓRA"

   Con todo, esta resposta non convenceu a Montse Prado, quen acusou ao Goberno galego de exercer de "comentaristas" da política estatal: "A única alternativa é que o faga non sei quen".

   A portavoz sanitaria do BNG pediu ao Sergas que "deixe de botar balóns fose" e responsabilizou directamente á Xunta, porque "durante anos ofertaban menos" prazas MIR das que acreditaba o Ministerio.

   Sobre o plan de cobertura para o verán, Prado dixo que "claro" que os profesionais "teñen dereito ao seu descanso". "Ao que non ten dereito o PP é a esixir que, para que teñan un descanso, o seu traballo o teñan que facer outros profesionais", engadiu, para afear que o único posto encima da mesa son "medidas paliativas e cosméticas", como prolongacións de xornada.

   "Son medidas tardías e insuficientes coas que están a recoñecer, de facto, a situación de emerxencia da sanidade galega", denunciou Prado.

SITUACIÓN NO SALNÉS

   Sobre a situación da comarca do Salnés, a parlamentaria do Bloque describiu as ausencias en municipios como O Grove, onde de sete médicos hai dous de baixa prolongada sen cubrir; así como en Vilagarcía de Arousa, onde hai tres profesionais que este ano cumprirán os 70, a idade máxima de xubilación fixada agora mesmo.

   Así mesmo, Montse Prado denunciou que o déficit de pediatras fai que os nenos "teñan que elixir que día ponse enfermos" e a situación do servizo de ambulancias co desprazamento dunha ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo durante o verán: "Visten un santo para desvestir outro".

   Na súa resposta, o xerente do Sergas insistiu no déficit xeral de médicos mentres describiu os reforzos de persoal habilitados en centros sanitarios de cara ao verán, por exemplo no PAC de Baltar (Sanxenxo) e O Grove. En calquera caso, Parada alegou que a media de cartóns sanitarios atendida por cada facultativo na comarca está "dentro dos parámetros".

   Finalmente, sobre o servizo de ambulancias, defendeu que o cambio de base no verán de Vilagarcía a Sanxenxo está contemplado no novo contrato do servizo para a área de Pontevedra-O Salnés. É unha variación que "non é froito do azar", senón da avaliación "continua das demandas e as necesidades" por parte do 061 en cada municipio e comarca de Galicia.

Leer más acerca de: