SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 Sep. (EUROPA PRESS) -
Un traballador de Vestas percorrerá en bicicleta a distancia que separa a planta de Viveiro (Lugo) coa sede central da compañía en Dinamarca, en total uns 2.800 quilómetros, para pedir á empresa que non peche a fábrica da Mariña.
Esta iniciativa, da que informa o comité de empresa, arrinca este domingo 3 de outubro ás 10,30 horas. O traballador, Alejandro Paleo, prevé realizar este traxecto en etapas cunha duración total estimada de 15 días.
"Esta fazaña culminará coa entrega dunha carta en man dirixida aos directivos de Vestas en Dinamarca para que non se peche a planta situada en Viveiro como se anunciou hai apenas unha semana", sinala o comité.
O reto poderase seguir en directo a través das principais redes sociais, que serán publicadas en próximos días.