SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Nov. (EUROPA PRESS) -
Os Bombeiros de Arzúa tiveron que acudir durante esta madrugada nun incidente provocado polo lanzamento dunha bomba de palenque que impactou nun edificio situado na Praza de Galicia, no municipio coruñés, e que causou numerosos danos nunha notaría.
Segundo informou o consorcio provincial, o suceso produciuse sobre as 00.45 horas. Ao chegar ao lugar, os bombeiros comprobaron que se lanzou unha bomba de palenque desde a rúa que impactou contra o segundo piso do edificio no que se atopa o Bar Praza, provocando a caída de cascallos e cristais á vía pública.
A vivenda, unha notaría, atopábase desocupada neses momentos, polo que non se produciron danos persoais, pero si materiais, xa que, ademais da rotura do cristal, os bombeiros confirmaron que a caixa da xanela estaba desprazada e fóra de sitio e a onda expansiva tamén afectou o inmoble, sen chegar a producirse incendio.
A continuación, os efectivos desprazados procederon á retirada de marcos e caixa de persiana e sinalizaron a zona. Tamén limparon os cristais da rúa e de notaríaa.
No operativo, ademais dos bombeiros, tamén participaron axentes da Garda Civil e membros de Protección Civil da localidade.