SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Nov. (EUROPA PRESS) -
Varias incidencias rexistradas á primeira hora da mañá causaron atrasos nas conexións ferroviarias entre Ourense e A Coruña, e na liña do Eixo Atlántico entre a cidade herculina e Vigo.
Así, segundo informaron fontes de Renfe, o tren Avant que tiña que saír de Ourense en dirección A Coruña e Santiago sobre as 6,45 horas fíxoo con media hora de atraso debido a unha "incidencia operativa".
Isto provocou atraso tamén na conexión entre A Coruña e Vigo, xa que se trata do mesmo material rodante. Así, en lugar de saír ás 8,00 horas o tren desde a estación coruña, fíxoo con 35 minutos de atraso e, consecuentemente, iso afectou a todo o traxecto até a cidade olívica.
Por outra banda, a primeira da hora de mañá tamén se rexistrou unha "incidencia técnica" no tren que saíu de Vigo ás 6,57 horas da mañá con destino a Santiago. Á altura de Vilagarcía (Pontevedra) produciuse unha avaría e o convoi non puido continuar, de maneira que a pasaxe foi transvasado a un autobús para concluír a viaxe e, algúns deles, foron reacollidos en "outras circulacións", de maneira que tamén chegaron polo menos media hora tarde ao seu destino.
Precisamente debido á avaría nese tren, a conexión entre Santiago e Vilagarcía, con saída da capital compostelá ás 11,00 horas, e o regreso a Santiago desde Vilagarcía, con saída ás 12,00 horas, tivo que facerse "por estrada", segundo informou Renfe.
As incidencias rexistradas este mércores súmanse ás xa ocorridas tanto o luns como o martes, o que provocou de novo as queixas dos usuarios polos continuos problemas no servizo. Así mesmo, o propio comité de empresa de Renfe na provicia de Pontevedra emitiu un comunicado o pasado luns reclamando medidas urxentes para mellorar o servizo.