Veciños de Sárdoma en Vigo denuncian a catro axentes policiais por unha "carga" na que houbo dúas mulleres feridas

Actualizado: miércoles, 20 febrero 2008 20:31

Tamén aseguran que levarán os tribunais a Política Territorial se o PXOM se aproba definitivamente

VIGO, 20 Feb. (EUROPA PRESS) -

O colectivo 'Sárdoma en Loita', formado por veciños desta parroquia opositores ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) pendente de aprobación presentará mañá nos xulgados vigueses unha denuncia por "agresión" contra catro axentes da Policía Nacional xa que, segundo a asociación, houbo unha "carga" na que "dúas mulleres foron brutalmente golpeadas" cando acudiron a protestar á conferencia do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, deu o pasado venres na cidade.

O presidente de 'Sárdoma en Loita', Emilio Manuel del Pazo, explicou, en declaracións a Europa Press, que estas dúas mulleres, que acudiron a escenificar a súa protesta polo PXOM ante as instalacións do antigo reitorado, onde se desenvolveu a intervención de Touriño, "foron trasladadas en ambulancia" despois de "ser agredidas" polos axentes.

Neste sentido, asegurou que "existen partes médicas" sobre as lesións, dado que as mulleres, unha septuaxenaria e unha moza, acudiron a urxencias "o venres e o sábado".

Del Pazo tamén criticou a "complicidade" do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández Álvarez, por "mentir cando nega os feitos", asegurou, en referencia ás súas últimas manifestacións, nas que rexeitou que se producise unha carga policial. O representante veciñal tamén lamentou que "se impedise a entrada" a un acto público e non de partido".

PXOM.

Por outra banda, o presidente do colectivo de afectados de Sárdoma, contrarios ao PXOM debido á afección que este ten nas súas ivendas, asegurou que, en caso de que o plan sexa finalmente aprobado pola Xunta, se levará os tribunais.

Del Pazo asegurou posuír un estudio do que se extrae que "arredor do 50 por cento dos cambios esixidos non se cumpre", en referencia aos requirimentos da orde emitida pola Consellería de Política Territorial de xaneiro de 2007. Por iso, anunciou que "ao día seguinte da súa aprobación se denunciará por prevaricación" á titular do departamento, María José Caride.

Ademais, o representante dos afectados de Sárdoma, que, segundo explicou, son unhas 450 familias, denunciou que o concello mantivo "oculta" unha carta da Casa Real na que se pedía que se informase os veciños da situación.

Así, Emilio Manuel del Pazo destacou que o pasado 20 de novembro se remitiu unha misiva á SS.MM. El Rei informándoo de que "coa aprobación do PXOM déixase a veciños sen as súas casas" por o que a Casa Real enviou un escrito ao Concello de Vigo, que entrou en rexistro o dous de xaneiro, e que, segundo denunciou, "foi ocultado ata que o deu a coñecer o PP".

Ademais, explicou que o concello non contestou ata o pasado 15 de febreiro, cun escrito no que, para o representante dos afectados cóntanse as mentiras de sempre", xa que, segundo el, a posibilidade de que os veciños sexan realoxados en vivendas de protección oficial no mesmo ámbito no que actualmente teñen as súas casas unifamiliares é "arruinalos a vida".