Volotea operará voos a Mallorca, Ibiza e Valencia este verán dende Vigo, con dúas frecuencias semanais

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 9 abril 2014 14:45

VIGO 9 Abr. (EUROPA PRESS) -

A compañía Volotea volverá voar este verán dende Vigo, e operará conexións con Mallorca, Ibiza e Valencia, con dúas frecuencias semanais, entre os meses de xuño e setembro, segundo confirmaron este mércores os seus responsables, nun encontro con axentes de viaxes, no que tamén estivo presente o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero.

O director xeral de Volotea, Lázaro Ros, confirmou que os avións que realizarán estas conexións son unidades de 125 prazas e que a compañía aspira a lograr unha ocupación de entre o 70 e o 80 por cento. Os billetes xa están á venda e, por agora, reservouse o 25 por cento de capacidade.

O voo a Valencia estará operativo dende o 2 de xuño ata finais de setembro; e os voos a Mallorca e Ibiza, farano dende o 24 de xuño ata mediados de setembro. En función do resultado destas conexións, a empresa estudará repetir o próximo ano e non descarta ampliar a oferta.

Do mesmo modo, Lázaro Ros, confirmou que, entre os plans de expansión de Volotea para 2015, está a apertura de novas bases e, dependendo de como funcionen en verán os voos dende Peinador, Vigo "podería ser unha opción". En caso de que a terminal viguesa se convertese nunha das bases da compañía, abriríase a posibilidade de establecer rutas internacionais.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola súa banda, agradeceu a aposta de Volotea por Peinador, e cualificouna como "a primeira fase" no proxecto de recuperación do aeroporto olívico. O rexedor insistiu en criticar a "competencia desleal" das terminais de Oporto e Santiago, con "axudas fraudulentas", e precisou que, no caso de Vigo, a subvención a Volotea (363.000 euros a través dun convenio de colaboración publicitaria) cumpre a normativa, xa que se darán axudas decrecentes, que garanten a presenza da aerolínea en Vigo durante tres anos.

Contenido patrocinado