Voos cancelados nos tres aeroportos galegos e circulación restrinxida na A-8: os primeiros efectos de 'Fabien'

Situación da circulación do espazo aéreo por Galicia
MAPS
Publicado: sábado, 21 diciembre 2019 13:54

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Dic. (EUROPA PRESS) -

   As primeiras incidencias do temporal que activou a alerta vermella na costa galega e a laranxa no territorio da Comunidade xa se rexistraron nos aeroportos galegos e na rede viaria.

   O temporal está a afectar, sobre todo, con fortes refachos de vento de intensidade 9 e 10, segundo Meteogalicia. Por este motivo, o transporte aéreo é o que está a sufrir as maiores complicacións.

   O tres aeroportos galegos (na Coruña, Santiago e Vigo) rexistraron cancelacións dos seus voos tanto de saída como de chegada. Algúns dos que saíron de orixe e tiñan como destino algún dos aeródromos de Galicia foron desviados a outros puntos de España e Portugal.

   Dende primeira hora canceláronse voos que procedían de Madrid con destino A Coruña e Vigo da compañía Iberia. Así mesmo, as saídas programadas cara á capital española tamén foron canceladas.

   Outros voos tiveron que ser desviados a Porto (Portugal), como o que percorría o traxecto Tenerife - Vigo, que non puido aterrar en Peinador, ou o que voaba de Malta a Santiago, que tampouco puido tomar terra en Lavacolla.

   Por agora, todos aqueles voos que se dirixían a Madrid foron cancelados e outros que teñen como destino Barcelona, Málaga ou Palma de Mallorca sofren atrasos polas condicións meteorolóxicas adversas, que empezaron a afectar con máis intensidade dende as 12,00 horas.

TRAMO CORTADO NA A-8

   Así mesmo, a cicloxénese explosiva tamén está a afectar a unha das principais autovías galegas. A A-8, que une Galicia co País Vasco, permanece cortada en Mondoñedo (Lugo) á altura de Alto do Fiouco, entre os quilómetros 536 e 552 para todos os vehículos excepto turismos.

   Segundo confirmaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) a Europa Press, o vento foi a razón que obrigou a cortar esta vía e activar o nivel vermello de alerta para todos aqueles automóbiles que non sexan turismos.

   Ademais, rexistráronse diversas incidencias puntuais (sobre todo árbores caídas) noutras estradas, pero as mesmas fontes explicaron que despois de resolvelas e restaurar as condicións da vía, recuperouse a normalidade da circulación.

LIÑAS FERROVIARIAS

   Por outra banda, as liñas ferroviarias non sufriron moitas complicacións ata agora. Fontes de Adif trasladaron a Europa Press que se interrompeu o tráfico entre Ourense e Taboadela durante a mañá deste sábado despois dun aviso dos bombeiros.

   Estes efectivos comunicaron ao administrador da infraestrutura que era necesario retirar unha árbore de grandes dimensións que presentaba un gran risco de caída.

   Por este motivo, o tren Alvia que saíu de Santiago de Compostela con destino Madrid ás 09,10 horas sofre un atraso de 44 minutos. Foi ás 12,05 horas cando se restableceu a circulación de novo nesa zona.

RECOMENDACIÓNS

   Ante esta situación, que se manterá até as 21,00 horas deste sábado, os servizos de emerxencia recomendan evitar calquera tipo de actividade no exterior durante o día de hoxe polo risco de caída de árbores, obxectos ou mobiliario urbano.

   Tamén é recomendable prestar atención ás alarmas por risco de inundación e lembrar o número de atención ás emerxencias, o 112.