A xuíza conclúe a investigación das gravacións na Maruxaina e ordena que o caso siga contra un sospeitoso

Archivo - Arquivo - Varias mulleres participan nunha manifestación en apoio ás 87 mulleres que en 2019 foron gravadas ?sen autorización?, a 4 de abriil de 2021, en San Cibrao, Lugo, Galicia (España). Esta manifestación busca dar o seu apoio ás 87 mulleres
Carlos Castro - Europa Press - Archivo
Publicado: martes, 25 junio 2024 15:50

   O auto sinala que os feitos do 2019 podían ser constitutivos dun delito de produción, distribución e tenencia de material pronográfico

   LUGO, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro concluíu a investigación sobre as gravacións a mulleres ouriñando na rúa durante as festas da Maruxaina, en San Cibrao (Cervo, Lugo), que foron subidas a páxinas web pornográficas. Ademais, ordenou que a causa se siga contra un sospeitoso.

   Os feitos, correspondentes ao ano 2019, poderían ser constitutivos dun delito de produción, distribución e tenencia de material pornográfico, segundo o auto --que aínda non é firme-- do que informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O caso prescribía en agosto deste mesmo ano.

   En concreto, a xuíza ordenou que se continúe cos trámites do procedemento abreviado fronte a un único sospeitoso e trasladou as actuacións á Fiscalía e ás acusacións particulares persoadas --entre elas, a Asociación Abrandares en Igualdade de Burela (Bumei)-- para que no prazo de 10 días soliciten a apertura de xuízo oral cos seus correspondentes escritos de acusación, pidan o arquivo da causa ou, mesmo, a práctica de dilixencias complementarias.

   O caso Maruxaina remóntase ás festas do ano 2019, tras as cales algunhas das vítimas atoparon vídeos seus nunha páxina web de pornografía de pago nos que se lles podía recoñecer ouriñando na rúa.

   As afectadas foron presentando denuncias e en marzo de 2021, o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro arquivou o caso ao considerar que as gravacións "non constituían un delito por ser realizadas nun lugar público no que podían ser vistas por calquera". A decisión creou un gran malestar na rúa e levou á convocatoria de mobilizacións sociais.

   Tempo despois, a Audiencia Provincial de Lugo reabriu o caso xa que consideraba "comprometida" a intimidade das vítimas. Practicáronse entón as dilixencias pedidas por Fiscalía e acusación e entre 2022 e 2023 volveuse a tomar declaración a moitas das afectadas.

   O pasado mes de marzo, a Policía Xudicial acordaba investigar a entre cinco e seis persoas identificadas por un informe pericial informático que encargou a asociación Bumei.

Contador