A Xunta aproba a OPE educativa para 2025 con 1.664 prazas, das cales 1.434 serán de acceso libre

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta.
XUNTA
Actualizado: lunes, 13 enero 2025 18:20

A Administración abordará cos sindicatos a proposta antes de aprobala de maneira definitiva

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 (EUROPA PRESS)

A primeira reunión do Goberno galego de 2025 deu o visto e prace á oferta pública de emprego (OPE) de Educación para este ano. En total, convocaranse 1.664 prazas: 1.434 de acceso libre --o 86 por cento-- e outras 230 de promoción interna.

Segundo avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a finais de xaneiro a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP dará a coñecer as datas concretas, "que como sempre serán ao comezo do verán" para que os novos docentes se poidan incorporar en setembro, cando arrinca o curso.

A previsión é que a proposta sexa abordada cos sindicatos e que, en próximas semanas, o Goberno galego aprobe definitivamente a convocatoria coa listaxe de vacantes ofertadas.

Tal e como se anunciou, esta OPE esgota a taxa de reposición autorizada a nivel estatal, que se sitúa no 120 por cento. Isto implica que, por cada 100 prazas vacantes, ofértanse 120.

Así, o 86 por cento dos postos --un total de 1.434-- será de acceso libre. Os 230 restantes serán de promoción interna: 220 para que mestres de Primaria poidan pasar ao corpo de Secundaria --dun A2 a un A1-- e outras 10 para o corpo de inspectores de Educación.

Neste contexto, Rueda destacou que esta nova OPE, que se enmarca nunha baixada continua da matrícula pola caída da natalidade, permitirá que Galicia "siga mellorando" o cociente de alumnos por cada profesor, que "xa é a terceira mellor de España, con 9,9 fronte á media estatal de 11,3".

Non en balde, o presidente da Xunta reiterou que xa o curso actual 2024/25, é o ano educativo "con máis docentes da historia" en Galicia.

FUNCIONARIOS DE HABILITACIÓN NACIONAL

Por outra banda, a reunión do Consello deste luns avaliou un informe que recolle como o Goberno autonómico facilitou aos concellos a cobertura de case 170 postos de funcionarios con habilitación nacional, como os secretarios e os interventores, entre outros.

E é que actualmente, segundo cifras da Xunta, hai 45 municipios que teñen vacantes na subescala de secretaría-intervención: 15 en Ourense, 11 en Pontevedra, 10 en Lugo e 9 na Coruña.

Desde 2017, a Administración autonómica creou unha bolsa de interinos destas especialidades de habilitación nacional e recentemente o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a cuarta convocatoria deste proceso selectivo con 263 persoas integrantes nas subescalas de secretaría-intervención, secretaría e intervención-tesouraría.

ACTUALIZACIÓN DE FERRAMENTAS ADMINISTRATIVAS

Así mesmo, o Executivo galego aprobou este luns contratar o servizo para actualizar as ferramentas administrativas de notificacións electrónicas ('Notifica.gal'), a plataforma de firma electrónica, o arquivo electrónico administrativo ('ARPAD') e a plataforma corporativa de tramitacións ('Wanda').

O contrato prevé un investimento de 2,3 millóns de euros até 2027, aínda que se podería ampliar até algo máis de 4,5 millóns entre prórrogas e outras modificacións previstas.

Contador