O Goberno galego, que se reuniu en Noia, tamén aprobou a licitación do novo centro de saúde do municipio
NOIA (A CORUÑA), 11 Nov. (EUROPA PRESS) -
A Xunta aprobou o proxecto para converter en autovía a vía de altas prestacións Brión-Noia (CG-1.5), que suporá, segundo trasladou o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, un orzamento que rolda os 29 millóns de euros.
Así o comunicou o presidente do Executivo autonómico na rolda de prensa posterior ao Consello, que este luns se celebrou na localidade coruñesa de Noia, e que aprobou diferentes actuacións relacionadas con este municipio e a súa contorna. Alí, Rueda avanzou que durante o próximo ano a reunión semanal do seu equipo de goberno sairá de San Caetano "unha vez ao trimestre".
Sobre o proxecto para converter en autovía o corredor Brión-Noia, Alfonso Rueda explicou que se fará en dúas fases. A primeira, aprobada este luns, permitirá transformar a vía actual, "pola que circulan cada día 10.000 vehículos", para convertela en autovía.
O trazado que se proxectará terá unha lonxitude de 9,66 quilómetros. Iniciarase no final da autovía AG-56, Santiago-Brión, e finalizará no tramo Martelo-Noia. Esta primeira fase de conversión en autovía supón "un 60% do trazado" e "quedaría outro 40% para a segunda fase".
A previsión é aprobar o proxecto no segundo trimestre de 2025, e, a continuación, realizar a convocatoria de levantamento das actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras, cun prazo de execución de 18 meses.
NOVO CENTRO DE SAÚDE
Así mesmo, Alfonso Rueda anunciou que a Xunta licitará esta mesma semana o expediente de contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do centro de saúde de Noia por un importe de preto de 400.000 euros.
Segundo as previsións do Goberno galego, prevese que o proxecto poida estar redactado a finais do próximo ano, o que permitirá a licitación e o inicio da execución das obras en 2026.
Así, o Consello da Xunta deu luz verde ao acordo polo que se toma razón desta licitación. En total, a administración autonómica ten previsto investir aproximadamente 10 millóns de euros no novo centro de saúde de Noia, sumando a execución e o seu equipamento.
As instalacións contarán cunha área asistencial de atención clínica con 21 consultas de medicina, enfermaría, farmacia, odontoloxía e hixienista, así como as correspondentes salas de técnicas, de toma de mostras e de espera de pacientes.
Tamén disporá dunha área de pediatría, novas unidades de fisioterapia e rehabilitación, unha área de saúde mental e a Unidade Preventivo Asistencial de Drogodependencias. Ademais, o centro integrará o PAC e contará con base do 061.
PLAN LOCAL DE SAÚDE
Outro acordo relacionado coa comarca de Noia aprobado este luns foi o plan local de saúde que adaptará o modelo de atención primaria ás necesidades específicas da poboación dos municipios de Noia, Lousame, Outes e Porto do Son.
"Permitirá deseñar as necesidades específicas en materia de atención primaria da poboación destes concellos e que permitirá que os propios profesionais deseñen as medidas para atender especificamente ao que aquí necesítase", expuxo Alfonso Rueda.
O obxectivo, sinalou, é que ao finalizar 2024 24 novos servizos de atención primaria teñan elaborado o seu Plan local de saúde, sumando un total de 95.
TRANSFERENCIA DE CAMIÑOS
Aínda en Noia, a Xunta autorizou este luns o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade, a favor do Concello, duns camiños de servizo da estrada autonómica AC-549, xunto co seu dominio público viario, e dunhas franxas de dominio público, entre os núcleos de Eiroa e Carracido, e entre o centro comercial e o núcleo de Río do Porto, na parroquia de Barro.
Co cambio de titularidade, o Concello de Noia terá a competencia para actuar nestes tramos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
OUTROS INVESTIMENTOS
Ademais, durante a súa intervención ante os medios, Alfonso Rueda repasou outros investimentos por parte da administración autonómica na localidade e na comarca.
Así, puxo en valor a rehabilitación da praza de abastos que, segundo a Xunta, beneficia a máis de 40 comerciantes que traballan neste edificio renovado cun investimento de máis dun millón de euros a través dun convenio de colaboración entre o departamento autonómico e o consistorio local.
Neste caso, a actuación de renovación consistiu na reorganización do espazo comercial da primeira parte, habilitando e optimizando os espazos dos que xa estaba provisto o mercado municipal.
Con esta actuación, búscase que este espazo alcance o selo de calidade de 'Mercado excelente', un distintivo co que se trata de revitalizar estes espazos.
Por outra banda, Rueda mencionou outras medidas de apoio ao deporte, a xustiza, as emerxencias, a mobilidade e o ámbito local na contorna do Barbanza. Segundo este balance, destináronse máis de 10 millóns de euros no período 2023-2024 a diferentes actuacións nos municipios de Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira.
Sobre investimentos na zona, a Xunta tamén destacou que destina máis de 8,5 millóns de euros a distintas actuacións para optimizar o funcionamento das redes de saneamento e depuración da contorna da ría de Muros e Noia, así como para mellorar o abastecemento.
Doutra banda, subliñou que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, consigna nos orzamentos para 2025 unha partida de 2,9 millóns de euros para obras de mellora dos portos da contorna de Noia e Barbanza. En concreto, a previsión de Portos recolle outras obras singulares, cunha anualidade global para 2025 de 1,1 millóns de euros.
OUTROS CONCELLOS
Doutra banda, a Xunta licitou as obras de mellora do abrigo e ampliación de atracadas no porto de Portosín, no municipio coruñés de Porto do Son.
Tal e como trasladou o Goberno galego, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, deu traslado ao Consello do inicio da licitación, cun orzamento basee de preto de 2,4 millóns de euros.
As obras previstas, que teñen un prazo de execución de nove meses, consisten na construción dun pantalán flotante de formigón para 17 embarcacións pesqueiras e a construción dun dique flotante de 120 para o seu abrigo. Situarase na zona da nave de redes e acollerá 14 embarcacións de artes menores e catro de cerco.
Noutros municipios, a Xunta aprobou na reunión semanal do seu Executivo unha terceira adenda ao convenio de colaboración co Concello de Oroso para o apoio á xestión do servizo de comedor escolar.
Deste xeito, detallou, increméntase nun 18% a contía do convenio, que permitirá ampliar até 130 os usuarios de comedor escolar do CEIP Plurilingüe Camiño Inglés.
Así mesmo, aprobouse o proxecto de trazado para executar as obras de mellora da drenaxe das estradas autonómicas PO-550 e PO-504, en Meaño e Sanxenxo. A Xunta destinará uns 465.000 euros.
PARADAS DE AUTOBÚS
No ámbito de infraestruturas, o Consello aprobou o proxecto para mellorar 62 paradas de autobús ao seu paso por dez concellos nas rutas de acceso a Santiago, cun investimento dun millón de euros.
Trátase de accións nas estradas AC-643, AC-550 e AC-305, ao seu paso polas localidades de Noia, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Dodro, Muros, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.