A Xunta declara proxecto industrial estratéxico a mina de Cobre San Rafael no Pino e Touro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao termo do Consello.
DAVID CABEZON @ XUNTA

Cobre San Rafael afirma que o "primeiro proxecto de produción de cobre sustentable galego" e que se fará "cumprindo con toda a normativa"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Xunta deu luz verde este luns á declaración da mina de Cobre San Rafael no Pino e Touro como "proxecto industrial estratéxico".

Así o explicou o presidente galego, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que lembrou que esta declaración permitirá "reducir á metade" os prazos para esta instalación.

O proxecto, sinalou Rueda, supón un investimento de case 200 millóns de euros e creará case 400 postos de traballo. Situarase nos terreos para os que a compañía "conta con autorización desde o ano 58", cunha extensión de 812 hectáreas.

O proxecto presentado por Cobre San Rafael supón un proxecto mineiro para extraer "diferentes minerais", principalmente cobre, un produto "estratéxico" cuxa demanda está en aumento e que, actualmente, o 82% do que se consome en Galicia e en España "vén de fóra", dixo Rueda.

Ademais, inclúe a restauración ambiental da zona degradada pola "antiga actividade mineira" e a reforestación dos espazos con especies autóctonas.

A maiores, o proxecto incorpora a instalación dunha planta solar fotovoltáica para autoconsumo sobre terreos degradados, coa que se evitará a emisión anual de 18.565 toneladas de CO2 á atmosfera e unha planta de tratamento de xurros para a valorización dos residuos das explotacións de Touro e O Pino.

Finalmente, porase en marcha un proxecto piloto denominado 'E-lix', baseado na recuperación de metais a partir de concentrados de mineral, co que se completará a cadea de valor ao permitir a comercialización de cobre metal 99,999% en lugar de concentrado de cobre.

LEI DE SIMPLIFICACIÓN ADMINISTRATIVA

A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de Simplificación Administrativa, que busca a captación de investimentos, lembra a Xunta.

Con iso, reduciranse á metade os prazos --excepto os relativos á presentación de solicitudes e recursos--, "mantendo as garantías técnicas, xurídicas e ambientais".

Tal e como explicou o Goberno galego, a planta "cumpre cos requisitos para ser declarada proxecto industrial estratéxico", entre os que están o superar un investimento mínimo de 20 millóns de euros, crear un mínimo de 100 postos de traballo directos e complementar cadeas de valor que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e que estean aliñados cos obxectivos da UE ou que se integren nos Fondos Next Generation. Neste caso, apunta o Goberno galego, cúmprese coa totalidade dos requisitos.

A inciativa súmase á declaración como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; Sentury Tire, para instalar unha fábrica de pneumáticos no mesmo concello; e a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal do Atlántico.

Outros proxectos con esta consideración son a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei; a planta de biofibra reciclada de Ence nas Pontes; a planta de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda, e a factoría de envasado e manipulación de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo.

PRODUCIÓN DE COBRE SUSTENTABLE

Tras facerse pública a declaración de pé, Cobre San Rafael emitiu un comunicado no que sinalou que este será o "primeiro proxecto de produción de cobre sustentable galego" e que se fará "cumprindo con toda a normativa comunitaria e nacional, xunto cos esixentes requirimentos da Xunta" para converterse en "un referente en minería sustentable" a nivel europeo.

A empresa, como indica a normativa da Xunta, lembrou que a consideración de pé "non reduce a esixencia da tramitación nin as garantías que teñen que achegar as empresas a hora de realizar os trámites técnicos e administrativos, incluíndo a exposición pública do proxecto".

Para Alberto Lavandeira, CEO de Atalaia Mining, trátase de "unha gran noticia" que a Administración galega, "despois de estudar o proxecto de forma profunda e rigorosa", haxa determinado que "cumpre cos requisitos legais" desta opción.

"Este proxecto de produción sustentable de cobre galego foi construído desde o escrupuloso cumprimento legal, a excelencia tecnolóxica e a escoita do territorio, e significará un impulso directo e indirecto a nivel industrial para a rexión e, en especial, para unha zona rural que padece problemas como o despoboamento", dixo.

Os estudos de Cobre San Rafael estiman que terá un impacto directo en Galicia de máis de 2.500 millóns, "sendo os sectores da fabricación de produtos metálicos e o da construción os que máis o perciban". O 66% do gasto farase en provedores galegos.

OPOSICIÓN DOS ECOLOXISTAS

Esta declaración prodúcese de forma paralela á oposición ao proxecto de distintos colectivos ecoloxistas, veciñais e sindicais, que hai xusto unha semana expresaban o seu rexeitamento á nova formulación do proxecto de Cobre San Rafael. O anterior proxecto de reapertura da mina, de 2020, foi rexeitado pola Xunta baseándose na afectación a oito cursos fluviais, así como unha posible incidencia nos animais --dunha zona de especial protección agraria--, unido a "un risco moi elevado" para as poboacións e o medio ambiente en caso de catástrofe.

O pasado luns, máis dun centenar de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar e sindicais emitiron un comunicado rexeitando este novo proxecto de explotación, presentado en xaneiro deste ano, asegurando que se trata "dunha copia barata do tombado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla".

"Lonxe de emendar o proxecto anterior, Atalaya Mining e o seu filial Cobre San Rafael volven pór encima da mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 quilómetros de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago. O depósito de residuos está a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación sería aniquilada en caso dun accidente. De feito, a instalación proposta sería ilegal en países como Brasil, Ecuador ou China", afirmaron entón os ecoloxistas.

Segundo os colectivos asinantes, "o único que cambiou no últimos catro anos foi a cantidade de diñeiro investido pola mineira en propaganda e campañas de desinformación sobre a realidade do proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas". De feito, avanzaban mobilizacións no caso de que se procedese á declaración como de interese estratéxico.

Leer más acerca de: