A Xunta prepara unha lei que aspira a unificar a normativa de tramitación ambiental e a axilizar prazos

Rueda e  Ángeles Vázquez antes de comparecer ante os medios.
DAVID CABEZON @ XUNTA
Publicado: lunes, 24 junio 2024 13:47

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O Goberno galego acordou, na súa reunión semanal, empezar a articular unha nova lei de tramitación ambiental simplificada que está chamada a unificar a normativa autonómica, á vez que se clarifican os pasos a dar aos promotores de proxectos en Galicia, o que proporcionará "maior seguridade xurídica" e axilizará os prazos.

    Así o avanzaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha comparecencia conxunta ante os medios posterior ao Consello da Xunta.

   Ante a necesidade de adecuar a normativa ás directrices europeas e de avanzar no obxectivo da transición verde, a conselleira explicou que era necesario "dar un paso á fronte", tendo en conta que a convivencia de distintas normas "xera incertezas" e mesmo "pode pór en perigo proxectos que xa contaban con autorización ambiental".

    Por iso, co fin de unificar e actualizar a regulación en materia ambiental, proponse deseñar esta norma, que a Xunta busca que sexa "participada". Precisamente, aínda sen texto definido, este martes iniciarase o proceso de consulta pública. "É un paso que o Goberno central quere obviar, pero nós queremos actuar coa máxima transparencia", destacou Vázquez.

    "Dámonos de tempo até setembro", indicou a conselleira na súa intervención. Após as achegas da consulta pública será necesario articular un texto lexislativo e a previsión do Goberno autonómico é que estea listo en torno ao último trimestre do ano.

Contador