Augas achaca aos concellos unha "baixa" execución das medidas planificadas contra este risco: "Ninguén quere mobilizar recursos"
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Nov. (EUROPA PRESS) -
A Xunta propón a creación de zonas de inundación controlada en espazos verdes do sete cidades galegas e outros núcleos urbanos da comunidade como solución para minimizar riscos en episodios de choivas extremas que leven o desbordamento de ríos.
Nunha entrevista con Europa Press, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, apunta lugares concretos nos que esta fórmula xa está exposta, como Sárdoma en Vigo, a desembocadura do río Gafos en Pontevedra, a entrada de Vilagarcía e tamén en Ponteceso.
Non é novo. O "modelo" no que se fixa o Goberno galego, segundo expón Fernández, é Vitoria, onde unha contorna degradada foi acondicionada como parque periurbano e configura a balsa de Lasarte. "Se tes espazo dispoñible, é unha das actuacións máis eficaces", destaca o responsable de Augas.
"Ten un custo de execución pequeno e moitos beneficios", incide. Por iso a Administración autonómica está "a propolo". En Sárdoma, para evitar os efectos da crecida do Lagares, a Xunta estima que o investimento necesario rolda 1,2 millóns de euros, para a colocación de muros de acompañamento, entre outras cuestións.
Trátase de localizar "puntos baixos" aos que de forma natural se dirixe a auga e despois implantar un "bordo" que permita que esta zona sirva de "depósito". "Deixar á auga ese osíxeno que ás veces necesita", subliña Roi Fernández.
Esta proposta está "aliñada" coa estratexia de zonas verdes da Consellería de Medio Ambiente, que nos seus orzamentos para 2025 reserva 3 millóns para o impulso e inicio dos primeiros pulmóns verdes nas cidades.
"Aproveitemos isto para xerar resiliencia ante os riscos", resalta o titular de Augas, o organismo autónomo adscrito á consellería que xestiona a demarcación de Galicia-Costa.
O paraugas de todo isto é a estratexia galega de infraestrutura verde, que aprobou o Consello o pasado outubro. Este documento contén unha mención explícita ao desenvolvemento de "actuacións que permitan a mitigación de fenómenos extremos a través de áreas de inundación temporal, nas que se compatibilice a laminación de avenidas coa recuperación de hábitats de interese e co mantemento de actividades humanas, incorporando estas áreas á infraestrutura verde do territorio".
Nun artigo de 2018, a por entón xefa de planificación e programación hidrológica de Augas, Belén Quinteiro, e a enxeñeira de Camiños, Canles e Portos Laura Fernández advertían de que a directiva de inundacións "prioriza medidas máis brandas, as chamadas green infrastructures, baseadas na restauración fluvial ou técnicas de bioingeniería fronte ás anteriores (grey infrastructures), potenciando ademais as medidas de xestión".
"BAIXA" EXECUCIÓN
Na entrevista con Europa Press, Roi Fernández lamenta a "baixa" execución das actuacións deseñadas no marco do plan de xestión do risco de inundación da Xunta.
Ao ente público correspóndelle, segundo Fernández, a análise do mapa e o establecemento de actuacións, así como "captar fondos europeos" para logo canalizalos aos municipios.
Pero, segundo avisa, a competencia de actuación en moitos casos é dos concellos, e "ninguén quere mobilizar recursos". Ante esto, e após a traxedia vivida en Valencia, reclama "responsabilidade" e "concienciación". Pola súa banda, reivindica o labor de divulgación e coordinación de Augas.
Como caso exemplar cita a Carballo, con "un risco grande" de inundacións no núcleo urbano e un grao de execución polo que considera que "fixeron os seus deberes".
Augas asinou un convenio por máis de 6 millóns con este concello gobernado polo BNG. Tamén rubricou acordos con Viveiro (ao redor de 1 millón de euros) e Padrón (uns 3 millóns), ambos do PSOE.
Á marxe disto, o director de Augas de Galicia chama a atención sobre que son 47 as zonas definidas con risco para as persoas (por afección a vivendas ou centros de traballo) e "moitas as actuacións propostas", que van desde o cambio na localización dunha ponte e obras de drenaxe, até a limpeza.
Son plans "moi amplos" e "moi ambiciosos", segundo sinala. Pero remarca que o organismo público actúa como "planificador" e "non ten as competencias" para obrar. "Augas ten que dar apoio económico (a través de fondos europeos) e técnico, cos plans", insiste.
En números, fala duns 100 millóns de euros en "medidas previstas" para o período de 2021 a 2027 e remite aos 9 millóns subscritos no tres convenios con Carballo, Padrón e Viveiro. Do resto, non hai "case nada" feito, asegura.
Para os próximos anos, de aquí a 2029, cifra en 120 millóns os recursos de que disporá Augas de Galicia provenientes de fondos europeos, dos cales 10 están dirixidos de maneira específica á xestión de inundacións.
BAIXOS RECONVERTIDOS A VIVENDAS
Por outra banda, cuestionado sobre as implicacións que ten a política da Xunta de permitir a conversión de baixos comerciais en vivendas en zonas de risco de inundación, constata que "evidentemente a nivel de chan vai chegar a auga antes".
En todo caso, o director de Augas evidencia que, de non haber esa reconversión, o que se alaga é un negocio, o cal tamén afecta as persoas.
Respecto diso, e sobre a posibilidade de que a Administración autonómica introduza algún tipo de excepción neste ámbito, fontes da Consellería de Vivenda consultadas por Europa Press precisan que os baixos teñen que cumprir as normas de habitabilidade.
Respecto de zonas con risco de inundacións, Vivenda indica que "o Concello o terá en conta xa á hora de dar as licenzas", polo que "é un tema municipal".