A Xunta rexeita retirar a lei de recursos naturais e di que a sociedade mixta é "imparable"

Fotos Xunta /Economia/Pleno
Xunta de Galicia
Publicado: miércoles, 22 noviembre 2023 14:45

O BNG censura o "capitalismo pepero, de amiguetes" no marco dun modelo "lesivo" que "cada vez ten máis contestación"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Nov. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, rexeitou retirar o anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, como pide o BNG e tamén a CIG. Ademais, subliñou que a sociedade mixta con participación da Xunta e 33 empresas, entre elas Abanca, Ence e Finsa, "tamén é imparable".

Pola súa banda, no pleno do Parlamento, a portavoz do Bloque no debate, Noa Presas, cargou contra o "capitalismo pepero" e "de amiguetes" no marco dun modelo "lesivo" que, advertiu, "cada vez ten máis contestación".

Nunha interpelación á conselleira, a deputada censurou que, a pesar de atoparse o anteproxecto en fase de ditame por parte do Consello Económico e Social (CES), "xa están a actuar e creando os instrumentos", precisamente pola sociedade mixta, que presentou recentemente o Goberno galego.

"Están desatados e non llo imos a consentir. Hai unha maioría social contestando o modelo lesivo do PP. Esta chapuza non se pode permitir", aseverou, antes de cualificar a lei de "mal lavado de cara verde" e esixir á conselleira "que rectifique".

Lorenzana, na súa quenda, contestou que o modelo enerxético do PP "baséase nun marco que permite e así se regula o desenvolvemento de infraestruturas eléctricas cun respecto total ao medio ambiente" e ademais reivindicou que os proxectos "se avalían de forma rigorosa".

"Non imos retirar o proxecto de lei (...) Claro que non. Teñen que facerse unha idea de que contaremos con esa lei", recalcou, antes de mostrarse "moi orgullosa" pola norma, que creará, dixo, un "marco normativo innovador".

Ademais, asegurou que a nacionalista "falta á verdade cando di que non se abriu un proceso de participación pública" e lembrou que o informe aprobado en comisión do CES, crítico co anteproxecto segundo desvelou a CIG, "resulta que non é tan informe" posto que "chegou ao pleno do CES" e con 22 votos en contra, entre eles UXT e confrarías, foi rexeitado.

O actual modelo, coa sociedade mixta, segundo reivindicou a titular de Economía, "vai permitir conseguir enerxía con prezos competitivos". "Os nosos recursos, o noso servizo. Deberían sumarse á maioría, saír desa zona de confort e apoiar que os nosos recursos estean ao noso servizo, ao servizo dos galegos e non dunha ideoloxía", destacou a responsable autonómica.

Neste sentido, indicou así mesmo que desde que se presentou a sociedade (denominada Recursos de Galicia) "hai moitas empresas que xa se interesaron por formar parte dela". Coa participación da Xunta "ten garantido o interese público" e ademais "non está politizada, non está ideologizada", afirmou María Jesús Lorenzana.

RÉPLICA E PECHE

A isto ha replicado Noa Presas ironizando con que cando o PP "desregulariza non é ideoloxía" senón "beneficencia", para acabar chamando a isto "capitalismo pepero" e "de amiguetes".

Xa no peche, a conselleira acusou ao BNG de darlles "igual que unha chea de industrias e pemes estean a dubidar se poden seguir ou non" coa súa actividade "porque dependen de subministracións enerxéticas con prezos carísimos".

"Non imos retirar o anteproxecto de lei. Claro que houbo participación pública, o que pasa é que non lles gusta o resultado e queren volver empezar. Imos seguir adiante con esa lei", reiterou.

Nesta liña, achacou ao Bloque estar "no pasado" e apostilou que "menos mal que Galicia avanza". Recursos de Galicia, finalizou, "tamén é imparable porque os galegos así o están decidindo".

Leer más acerca de: