A Xunta será "solidaria" na repartición de menores migrantes, pero reclama medidas para frear a "avalancha"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
XUNTA
Publicado: lunes, 8 julio 2024 14:38

   Rueda descarta que a polémica proposta de Tellado de despregar a Armada sexa para "facer dano" e enmárcao na "regulación"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que Galicia será "solidaria" na repartición de menores migrantes que se abordará este mércores entre as comunidades autónomas e o Goberno central, pero reclamou que esta solidariedade debe "acompañarse de medidas" que contribúan a frear a "avalancha".

   Ao ser preguntado respecto diso na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, Rueda recoñeceu que se trata dun "tema delicado" no que hai que aplicar "máis que nunca o 'sentidiño'", porque é "un problema social".

   Neste contexto, recalcou que Galicia "sempre foi unha terra solidaria", pero afeou que o Goberno central non teña "ningunha política" concreta en inmigración para frear o que denominou "avalancha".

   O titular da Xunta afeou que o Estado pretenda derivar este asunto ás autonomías para ver se "así se soluciona o problema". "Pero non se vai a solucionar, vai ser unha cuestión permanente", engadiu, para reforzar a súa petición de que se deben "previr" e "regular" estas "avalanchas" a futuro.

   Para Alfonso Rueda, a repartición de menores que se abordará o mércores na Conferencia Sectorial de Inmigración é unha medida "improvisada".

NON SE PRONUNCIA SOBRE A AMEAZA VOX

   O presidente galego tamén foi preguntado sobre a ameaza de Vox de romper os pactos co PP naquelas comunidades nas que gobernan xuntos, no caso de que se acepte a repartición destes menores na Conferencia Sectorial.

   Con todo, Rueda non se pronunciou sobre este órdago dos de Santiago Abascal e limitouse a dicir que se "alegra moito de non ter os extremismos na política galega" ou que, polo menos, son "minoritarios".

   Dito isto, reiterou que Galicia é "terra solidaria", pero que é necesaria "unha regulación".

PALABRAS DE TELLADO

   Así mesmo, foi interpelado sobre as palabras do portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, da semana pasada, nas que propuxo despregar á Armada Española para evitar a chegada de embarcacións ás Illas Canarias.

   No entanto, o presidente da Xunta descarta que estas declaracións signifique "impedir" ou "facer dano" ás persoas que van neses barcos, senón que se trata de exercer un "control".

   "O que non pode ser é que non haxa ningún control sobre as nosas fronteiras. Iso non quere dicir que (despregar a Armada) sexa para que non chegue ninguén, senón que sexa para regulalo", explicou Rueda.

   O mandatario galego cre que é "algo normal" que fan "outros países" porque "o contrario é o que está a pasar agora", onde hai unha chegada "absolutamente libre".

Leer más acerca de: