A Xunta vacinará desde este mércores contra o papiloma a 27.000 rapaces de 15 a 18 anos

Reunión semanal do Consello da Xunta.
DAVID CABEZON @ XUNTA
Publicado: lunes, 16 septiembre 2024 17:41

   Rueda reivindica os avances no calendario galego e proclama que a vacinación é "fundamental e efectiva"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O Goberno galego analizou este luns o informe da Consellería de Sanidade que recolle a nova estratexia de vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH), que se amplía na comunidade. Segundo avanzou o presidente, Alfonso Rueda, a partir deste mércores vacinarase a todos os homes adolescentes de entre 15 e 18 anos.

    Na súa intervención, lembrou que a vacinación contra o VPH arrincou en Galicia no ano 2008 e foise incorporando progresivamente ata que no ano 2022 decidiuse vacinar a todos os nenos que naceran a partir do ano 2010. O novo paso amplía a inmunización a todos os nados entre 2006 e 2009, é dicir a quen hoxe son adolescentes de entre 15 e 18 anos, e aínda non se vacinaron.

   O paso de vacinar a "todos" os galegos nados entre 2006 e 2009 supón, segundo indicou o xefe do Executivo autonómico, "chegar a 27.000 nenos que agora quedaban fóra do calendario para esta vacina". Para desenvolver esta campaña no ano 2024, a Xunta investirá 682.267 euros.

    A Xunta destaca que, con este paso, Galicia adiántase á recomendación da Comisión Nacional de Saúde Pública de implantar a vacinación dos nenos menores de 15 a 18 anos e cunha única dose no canto de con dúas, xa que a evidencia científica actual demostra a súa eficacia en persoas sen contacto previo co virus.

    O obxectivo principal desta medida, segundo ha verbalizado Rueda, é "reducir a incidencia das patoloxías de cancro asociadas ao virus do papiloma humano" en homes e, ademais, obter unha protección cruzada nas nenas.

    En concreto, a vacinación posibilitaría reducir a incidencia en nenos de cancros orofaríngeos, anais e de pene causados polos tipos de VPH oncogénicos contidos na vacina e de verrugas xenitais causadas polos tipos non oncogénicos. En nenas, indirectamente, contribuirá a diminuír a aparición de lesións precancerosas e cancros de cérvix, vulva e vagina. "A vacinación é fundamental e efectiva", salientou Rueda.

UNHA ÚNICA DOSE

   Ao cambiar a pauta de vacinación e reducirse a unha única inxección, a Xunta considera previsible un aumento das coberturas. Actualmente, a porcentaxe de adherencia en nenas desde que se incluíu no seu calendario de vacinas aos 12 está próxima ao 100%, en nadas desde 2006 a 2010.

    No caso dos nenos, no grupo de 2010 chégase a unha cobertura próxima ao 93%; e, no que respecta aos nados entre 2006 e 2009 que non tiñan prescrita por calendario a vacina do VPH, a cobertura non chega ao 50%. Dos 45.000 nenos nados neste período, uns 27.000 non teñen ningunha dose e agora a Xunta ofrécelles a opción de ser vacinados.

    Deste xeito, Rueda defendeu que Galicia mantén "o mellor calendario de vacinación do mundo", polo número de vacinas ofertadas e as idades incluídas.

PLATAFORMA DE DATOS SISTEMA SANITARIO

   Noutra orde de asuntos, o Goberno galego aprobou a licitación, por un importe que supera os 2,3 millóns de euros para o período 2024-2026, da contratación do servizo de evolución da plataforma de analítica de datos, que permitirá o funcionamento de distintas ferramentas que dean soporte aos sistemas de análises de información do Sistema sanitario público de Galicia.

   O Servizo Galego de Saúde almacena a información de forma normalizada de toda a cidadanía que foi atendida en Galicia e conta con máis de 3.000 millóns de rexistros de saúde asociados a atencións sanitarias.

   A Consellería de Sanidade incorporouse como provedor de datos no primeiro semestre deste ano á Rede europea de datos en saúde, o que, remarca a Xunta, permitiralle ter maior participación en proxectos de investigación clínica a nivel europeo.

Leer más acerca de: