Yolanda Díaz rexeita "radicalmente" o proxecto de Altri, que apela a "parar colectivamente como pobo"

Publicado: martes, 20 agosto 2024 19:42

   A vicepresidenta responsabiliza á Xunta e asegura que do Goberno só depende a concesión de axudas do PERTE

   AGOLADA (PONTEVEDRA), 20 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, expresou este martes o seu rexeitamento "radical" ao proxecto da multinacional portuguesa Altri na comarca da Ulloa, que apelou a "parar colectivamente como pobo" porque, ao seu xuízo, pon en risco os "valores ambientais" e que Galicia conte cun modelo produtivo "sustentable".

    O número tres do Executivo central mantivo na tarde este martes un encontro en Agolada (Pontevedra) con represententes da plataforma Ulloa Viva, que encabezan o movemento social contra a implantanción da factoría da compañía portuguesa en Palas de Rei.

    Díaz atendeu aos medios xunto á portavoz da plataforma, Marta Gontá, que agradeceu a presenza da ministra de Traballo na comarca da Ulloa este martes e expresou a súa confianza en que se converta "no maior garante" para "frear este proxecto que non vai traer máis nada que pobreza".

    Acompañada no acto por membros de Sumar como os deputados galegos Verónica Martínez Barbeiro e Manuel Lago, a vicepresidenta considerou que o proxecto ideado pola multinacional portuguesa, que combina a produción de pasta de papel coa fabricación de fibras téxtiles, non é compatible cun modelo "sustentable" co "modo de produción" ou a "cultura" de Galicia.

    Díaz subliñou a súa posición "radicalmente en contra" de que se desenvolva un proxecto industrial que ve "altamente contaminante", que "vulnera os valores ambientais" de Galicia e "pon en risco a saúde pública da poboación".

    Tamén puxo o foco na "carencia de valores democráticos primarios" cos que, ao seu xuízo, operaron os promotores da iniciativa empresarial. "Os proxectos, cando se sitúan en enclaves como este, teñen que estar validados e compartidos coas poboacións nas que se sitúan", apostilou a ministra.

    Neste sentido, insistiu en que Galicia "necesita proxectos que teñan que ver cun modo de produción primario que non sexa agresivo" e que teña capacidade de xerar "postos de traballo de calidade e non fakes", xa que dubida das cifras de creación de emprego anunciados polos promotores.

    "Os 2.500 postos de traballo non llos cre ninguén", apostilou Díaz, que censurou as "promesas absolutamente baleiras" antes de apelar á cidadanía galega a "saír en defensa" da súa contorna e dun espazo, en alusión á comarca da Ulloa, "que é único neste país".

    "O meu compromiso como vicepresidenta vai ser loitar contra a localización e o desenvolvemento deste proxecto. E cónstame que os grupos políticos que nos acompañan tamén o farán así", dixo en alusión a Sumar, para, a continuación, mostrar a súa confianza en que "finalmente" se "impoña" o "sentido común" e a presión "colectiva" permita "parar esta barbarie".

    SINALA Á Xunta

   A preguntas dos xornalistas, Díaz afirmou que o Goberno central non é "copartícipe" do "deseño e autorización" do proxecto e unicamente ten potestade de incluír, a través do Ministerio de Industria, a iniciativa empresarial dentro do PERTE, un asunto que, dixo, "non lle compete" a ela persoalmente.

    Por tanto, responsabilizou á Xunta de estar "á beira, como sempre, dunha grandísima multinacional". "Me acuero daqueles días nos que mesmo na web da Xunta promocionaban Galicia como unha mina", aseverou Díaz, que cre que o PP "sempre" está a carón de "as multinacionais" e "nunca á beira da xente e do país".

(HABERÁ FOTO E VÍDEO PROFESIONAL)

Contador

Leer más acerca de: