O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 29 julio 2017 14:46

   O actual portavoz parlamentario defende que, se é elixido, fará a súa propia "política" e non vivirá "á sombra de ninguén"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou a súa intención de concorrer ás primarias para liderar o partido nunha candidatura "sen etiquetas" nin "tutelas" que pivotará sobre "tres chaves": conseguir un partido "forte" que recupere "a hexemonía" da esquerda para, a través do "diálogo" con outras forzas, construír "unha alternativa de goberno" ao PP en Galicia.

   Leiceaga confirmou este sábado en Santiago a súa candidatura a liderar do PSdeG tras varias ocasións nas que indicou que estaba a meditar a decisión, e despois de que esta mesma semana a xestora dos socialistas galegos establecese o calendario para as eleccións, que terán lugar o 8 de outubro.

   Así as cousas, xa son tres os aspirantes a facerse co liderado do PSOE galego: o militante vigués Gonzalo Caballero, o deputado Juan Díaz Villoslada e o actual portavoz do PSdeG na Cámara autonómica, Xoaquín Fernández Leiceaga.

   Este último, a preguntas dos medios este sábado, recoñeceu que o tres candidatos teñen "posicións relativamente próximas", xa que a todos se lles "presupoñen" as ideas de "galeguismo e esquerda", aínda que cre que o seu principal aval na carreira pola secretaría xeral é a súa "folla de servizos, tanto no plano orgánico como, sobre todo, no plano social".

   "Quero ser un candidato sen etiquetas, sen tutelas", afirmou, para logo apuntar que o seu proxecto chega para "traballar coa militancia" e non para "gardar o sitio a ninguén", nin para "estar á sombra de ninguén" e "facer a política doutros".

   "Eu vou facer a miña política se os militantes danme a súa confianza", apostilou, para logo sinalar que o PSdeG debe "traballar" na "localización das novas coordenadas" trazadas no partido a nivel estatal tras a vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do mes de maio.

   "Estamos nun tempo novo. A quen teño que comunicar a miña decisión é aos militantes". Esta foi a resposta de Leiceaga á pregunta de se informara antes da rolda de prensa deste sábado ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, da súa intención de concorrer ao proceso interno dos socialistas galegos.

   A súa CANDIDATURA EN TRES CRAVES

   Deste xeito, Leiceaga fixou en "tres" as chaves nas que se sustenta a súa candidatura: "conseguir un PSOE forte" para "afrontar un tempo novo" en Galicia; recuperar "a hexemonía da esquerda tendendo a man a outras forzas" para, deste xeito, afrontar o último obxectivo: "construír unha alternativa de goberno" ao PP.

   "Sós non podemos. Sen nós non será posible construír unha alternativa ao PP. Temos que ser hexemónicos para que esa alternativa sexa posible para os cidadáns. Pero sós non podemos e temos que aprender a dialogar con outros para atraelos ás nosas posicións e conseguir representar á sociedade", declarou.

   Todo iso, segundo Leiceaga, debe facerse a través da posta en marcha de ideas que sexan capaces de "xerar confianza" entre a cidadanía galega e que esta se senta atraída polo Partido Socialista.

   "Trátase de facer un proxecto para o conxunto de Galicia. Non para Lugo, non para A Coruña, non para Vigo nin para ningún outro sitio por importante que sexa. Porque só así xeraremos a confianza suficiente", incidiu.

   A continuación, puxo como principal meta no "prazo inmediato" a articulación destas liñas para ter "unha boa oferta" cara as eleccións municipais de 2019.

EXPERIENCIA MÁIS RENOVACIÓN

   Así as cousas, tras emprazar a que a carreira para liderar o PSdeG discorra con "xogo limpo", asegurou que iniciará "inmediatamente" os contactos coa militancia pese "ás dificultades que ten o mes de agosto".

   Leiceaga xustificou a súa decisión de postularse como candidato como un exercicio de "responsabilidade" coa xente que o "apoiou" desde que deu un paso á fronte para ser candidato do PSdeG-PSOE nas eleccións autonómicas do pasado ano.

   "Fomos ás eleccións, liderei o grupo parlamentario, establecemos un diálogo cos militantes e coa sociedade civil durante todo este tempo. Por responsabilidade coa xente que me apoiou durante todo este tempo debo dar este paso", remarcou.

   A isto engadiu que o seu proxecto para o partido pasa por "combinar capacidade e experiencia con renovación" e que o socialismo en Galicia ten que "dar o paso" e "interpretar en clave galega o que dixeron os militantes en Madrid" coa vitoria de Sánchez.

   "Non é o tempo da inercia. Non é o tempo do conservadurismo, de deixar que as cousas sigan como ata agora, senón de construír un instrumento forte, unificado, capaz de facer unha política para os cidadáns de Galicia que sexa coherente en todo o país. E facelo desde a procura da unidade e a integración", concluíu.

Más noticias