Macaco, Jarabe de Palo e Miguel Bosé, entre as actuacións
A CORUÑA, 1 Ago. (EUROPA PRESS) -
Xoel López, Sés, Jarabe de Palo, Miguel Bosé e Macaco serán algunhas das propostas musicais das Festas de María Pita na Coruña, que arrincan este martes, 1 de agosto, co exdeportista Fernando Romay como pregoeiro.
Tras o pregón, será a quenda do concerto do tamén coruñes Xoel López, que subirá ao escenario situado na praza de María Pita.
Precisamente, esta praza será un dos escenarios destas festas, pois acollerá diferentes concertos, entre eles estará o día 2 agosto Sés; o 4, Jarabe de Palo; e o sábado 5 será a quenda de Macaco. Ao día seguinte, a ese mesmo escenario subirá Miguel Bosé. Tamén haberá concertos da Orquestra Sinfónica e outras propostas para diferentes tipos de público.
FEIRAS E FESTIVAIS
Dentro da oferta musical, tamén destaca a celebración do Festival Noroeste, coa participación de cen formacións musicais. Serán seis días con actuacións en diferentes puntos da cidade da man de artistas como os Kaiser Chiefs, The Jesus and Mary Chain ou Iván Ferreiro, entre outros.
Os xardíns de Méndez Núñez será outro dos escenarios destas festas de María Pita, xa que acollerán a celebración das feiras do libro e artesanía, así como o tradicional Festival de Habaneras. Ademais, este ano, as festas veñen marcadas pola celebración do 20 aniversario do festival 'Viñetas desde o Atlántico'.
A programación inclúe tamén a celebración o día 14 de agosto da batalla naval no Paseo Marítimo, e o parque de Santa Margarita tamén repite ao acoller a súa tradicional romaría a finais de mes.
PROGRAMACIÓN INFANTIL
O trofeo Teresa Herrera e o campionato mundial de Snipe son algunhas das citas deportivas que se inclúen nunha programación que tamén ten oco para o público infantil. 'O xardín dos libros', 'Festas das Utopías' ou 'Familirúa' son algúns dos programas dirixidos aos máis pequenos.
Pola súa banda, desde o PP criticaron que a Marea presentase as festas de María Pita "sen aprobar o gasto" no consello reitor do IMCE e sen que a oposición teña a documentación.
Para os populares, segundo informan en nota de prensa, "é outro exemplo da falta de transparencia" do alcalde Xulio Ferreiro.