Actualizado: domingo, 24 septiembre 2017 12:19

   Este luns cúmprese un ano da terceira vitoria por maioría absoluta de Feijóo, que en outubro afronta un novo debate de política xeral

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrará este luns 25 de setembro o primeiro aniversario da súa terceira vitoria por maioría absoluta en Galicia co apoio dos seus, pero entre críticas cada vez máis duras dos grupos da oposición, que consideran que se pecha outro "ano perdido" para a comunidade.

   "Non hai presidente, está o delegado do Goberno Feijóo, un delegado de Rajoy en Galicia", esgrimiu, en declaracións a Europa Press, a portavoz do BNG, Ana Pontón. O seu homólogo en En Marea, Luís Villares, comparte esta percepción, mentres que o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, alude á "xestión cansa, de fin de ciclo" de presidente.

   O tres portavoces da oposición con representación no hemiciclo galego coinciden en que Feijóo, quen ratificou o seu "compromiso" con Galicia ata 2020, atópase "nun fin de ciclo" e en que "busca unha saída". En fronte, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reivindica a xestión do presidente e alude ao crecemento da economía e ao descenso do paro na comunidade.

   "Baixa o paro e hai máis afiliados á Seguridade Social, mentres se recuperan sectores estratéxicos como o naval ou o téxtil", sinalou, en declaracións a Europa Press, o secretario xeral do PPdeG, quen tamén incidiu no incremento do gasto social, precisamente un dos compromisos asumidos por Feijóo no seu discurso de investidura, en novembro de 2016.

   Tellado tamén reivindicou medidas como o impulso da lei de fomento de iniciativas empresariais e contrapuxo a xestión "responsable" do xefe de filas do PPdeG co "despropósito" catalán. Ademais, fronte a un Feijóo "centrado en Galicia", situou a unha oposición "desnortada" e "incapaz de superar as derrotas electorais desde o ano 2009".

"UNHA FRAUDE PARA O PAÍS"

   No extremo oposto, o portavoz de En Marea, Luís Villares, ve o novo ano de Feijóo "unha fraude para o país" e constata que "para Galicia é ruinoso votar ao PP". "Non hai máis que lembrar que prometeu na investidura que sería a lexislatura do rural e está a ser a do seu exterminio", lamentou.

   Igualmente, aludiu á reforma da lei de saúde "que busca desmantelar as áreas sanitarias"; ao plan do transporte ou a "humillación constante" que Feijóo "acepta sufrir" por parte do Goberno que dirixe Mariano Rajoy cos continuos vetos a debater sobre o traspaso da AP-9, a pesar de que o Parlamento galego o pediu por unanimidade.

   "Iso só o aguantas se estás a esperar algo. Pero eu creo que non vai conseguir nada", esgrimiu, convencido de que o comportamento de Feijóo e o seu modo de actuar en relación ao PP estatal e ao Goberno central é "indigno dun presidente de Galicia".

"DECEPCIONANTE"

   Tamén lonxe da visión optimista de Tellado atópase o portavoz parlamentario socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen o primeiro ano do terceiro de mandato é "bastante decepcionante, do mesmo xeito que os anteriores". E é que, por exemplo, no polo oposto ao PPdeG cre a recuperación económica "non se reflicte en Galicia", que "segue instalada nunha dinámica de recortes".

   "É unha xestión cansa, de fin de ciclo", sinalou Leiceaga, quen tamén está convencido de que o presidente galego "segue estando interesado na política española". Por iso, ao seu modo de ver, se tapa os oídos, e evita adoptar un papel máis activo, por exemplo, en cuestións como a reclamación da transferencia da AP-9.

   "Non defende a Galicia con vehemencia", lamentou e incidiu en que a principal proba da súa "xestión cansa" é que é o PSdeG o que tivo que "tomar a iniciativa" noutros asuntos que serán claves no novo curso político que acaba de arrincar como o financiamento autonómico.

"BUSCA A SÚA SAÍDA"

   Na mesma liña, en declaracións a Europa Press, a portavoz do BNG, Ana Pontón, mostrouse convencida de que Feijóo "busca a porta de saída persoal". "Os galegos somos mellores que o Goberno que temos, un Goberno sen impulso, que funciona de maneira burocrática e que non é capaz de defender os intereses deste país", lamentou.

   Pontón tamén censurou con dureza que "o delegado do Goberno Feijóo" sexa o que se encargue de "anunciar os atrasos do AVE e de non mover un dedo" fronte ao veto a debater o traspaso da AP-9, mentres Galicia é "castigada" nos orzamentos do Estado e mantense como "un dos territorios onde máis se recortou.

   "Pero o primeiro para Feijóo é sempre o propio Feijóo e a súa angustia é cal vai ser a súa saída", insistiu a dirixente nacionalista.

DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA, "NON DE CATALUÑA"

   Poucos días despois do aniversario sinalado do 25-S e algo antes de que se cumpra un ano da súa investidura en novembro de 2016, Feijóo terá que enfrontarse a outro Debate sobre o Estado da Autonomía, un formato que para el non é nin moito menos novo e no que si se estreará, por exemplo, Luís Villares.

   Esta será unha das citas políticas máis importantes do outono e convocouse entre os días 4 e 6 de outubro, polo que estará marcado polo que ocorra en Cataluña o 1-O, data de celebración do referendo independentista. A mesma semana, o 8 de outubro, serán as primarias do PSdeG, con Leiceaga como un dos aspirantes --xunto ao vigués Gonzalo Caballero e ao tamén deputado Juan Díaz Villoslada--.

   Todos os dirixentes da oposición consultados por Europa Press avanzan que nesta cita porán sobre a mesa as súas iniciativas, aínda que rexeitan pór as cartas boca arriba con tanta anticipación. Iso si, Pontón anticipa que non consentirá "o menosprezo" de Feijóo a Galicia.

   "Teño a sensación de que quere facer un debate sobre o estado de Cataluña, esconderse e ocultar a súa papeleta en temas clave para Galicia, e non vai ser así", resolveu.

   Pouco despois desta cita, chegará ao Parlamento a lei de orzamentos para 2018, que previsiblemente sairá adiante sen maiores dificultades xa que o Goberno de Feijóo está sustentado pola maioría absoluta do PPdeG. O teito de gasto, autorizado no verán, rolda os 9.500 millóns.

   O Executivo autonómico contempla no seu calendario lexislativo outra decena de leis ata finais de ano, algunhas ligadas cos seus principais anuncios do seu discurso de investidura de novembro de 2016. Son a de administración dixital, a de espectáculos públicos e actividades recreativas, a de protección e benestar dos animais de compañía, a de patrimonio natural, a de emprego, a de ordenación da prestación farmacéutica e a lei de portos.

Más noticias

Leer más acerca de: